A compostaxe comunitaria de Pontevedra aterra en Campolongo

O Concello incorporará no catro novos centros no barrio e outros catro na Parda e en Valdecorvos-Castañal

Instalación dun composteiro comunitario en Campolongo. CONCELLO
photo_camera Traballos na rúa Espincelo, este mércores. CONCELLO

A compostaxe comunitaria de Pontevedra avanza cara ao barrio do Campolongo. Así o anunciou na mañá deste mércores o concelleiro de Residuos, Raimundo González Carballo, quen afirmou que con esta incorporación o número de centros de compostaxe na cidade situarase en 23.

En concreto, no barrio de Campolongo, a compostaxe comunitaria estará instalada na rúa Espincelo –próxima á Axencia Tributaria–, na rúa Alcalde Hevia –entre o Gafos e a rúa do Forno–, Iglesias Vilarelle –case enfronte do Crespo Rivas– e Xeneral Rubín –na entrada do Gafos–.

Raimundo González explicou que "se corre o risco de ter que suplementar proximamente estes novos centros, pero, en principio, imos arrancar cos catro". Segundo a estatística municipal, estes catro composteiros darán servizo a uns 6.000 veciños.

Este mércores comezaron as obras na rúa Espincelo para instalar as bases coa toma de auga e a celosía do chan. Cando estean rematados os outros tres puntos de Campolongo, instalaranse os centros de compostaxe que terán cada un dez módulos.

Instalación dun composteiro comunitario en Campolongo. CONCELLO (2)

Antes da posta en marcha, o Concello distribuirá carteis e información por todas as caixas de correos dos edificios escollidos para participar.

Raimundo González informou que a implantación da compostaxe comunitaria en Campolongo xa está previamente pactada coa asociación de veciños do barrio, que tamén coñece o lugar onde se instalarán os centros.

23 CENTROS DE COMPOSTAXE. Na actualidade o Concello ten instalados distintos centros de compostaxe a servizo dos veciños e veciñas nos barrios de Monte Porreiro, Eduardo Pondal-Gorgullón, A Parda e en Valdecorvos-Castañal. En total, 15 centros aos que hai que sumar os catro novos que se instalarán na Parda e Valdecorvos –Maruxa Mallo, Pintor Laxeiro, Antón Losada Diéguez, Mestre Soutullo–, e tamén os catro de Campolongo.

Dos existentes, tres deles son de seis módulos, e o resto teñen todos dez. Tratan arredor de 750 toneladas ao ano e cos oito que entrarán en funcionamento achegarase ao tratamento de 1.150 toneladas ao ano. É dicir, arredor do 8% da produción de biorresiduos do concello de Pontevedra.

Ademais, o departamento de Residuos xa traballa na implantación da compostaxe comunitaria noutros barrios.