Así reciclamos os pontevedreses: baixan os residuos do colector verde remitidos a Sogama

Os envases que duplicaron a recollida que se realizaba en 2010 ► O vidro superou o millón de quilos, e o papel/cartón achégase ás dúas toneladas.
Recollida de lixo en Pontevedra. DP
photo_camera Recollida de lixo en Pontevedra. DP

A concellaría de xestión dos residuos municipais de Pontevedra, que dirixe Raimundo González, vén de facer balance da recollida selectiva no ano 2020. Segundo indica este departemento nun comunicado, os datos amosan "un claro incremento da reciclaxe na cidade"e a redución dos residuos municipais remitidos a Sogama.

O concelleiro quixo facer un "agradecemento expreso" aos veciños de Pontevedra pola súa implicación no sistema xa que sen a súa participación activa e concienciada "unha Pontevedra máis ecolóxica, ambiental e limpa, non sería posible".

Seguindo os datos da recollida selectiva –papel/cartón, vidro e envases–, os incrementos son moi substanciais nos últimos anos. As tres fraccións superan individualmente o millón de quilos recollidos no 2020, unha cifra que soamente se rexistrou en 2019 no caso do vidro e dos envases; e o cartón/papel volveu á tendencia do ano 2010 e 2011.

Evolución

Especialmente significativa é a recollida de envases. O pasado 2020 conseguiu dobrar a cifra de hai unha década, e en só dous anos aumentou un 36% o depósito de envases nos iglús amarelos do concello.

Tamén son reseñables as cifras do iglú verde, que superou en 2019 a barreira da tonelada de depósitos, e que se consolidou neste 2020 con 1.165.000 quilos de vidro.

O colector verde reduciu os traslados a Sogama, por debaixo das 28,5 toneladas na última década

O caso do papel/cartón mantén a mesma tendencia á alza achegándose ás dúas toneladas, unha cifra nunca antes rexistrada polos servizos de xestion dos residuos urbanos.

COLECTOR VERDE. Da recollida da fracción resto, a que se deposita no colector verde, tamén hai que facer unha lectura en positivo xa que o ano 2020 rexistrou unha recollida de 28.282 toneladas, a cifra máis baixa dos últimos dez anos.

Esta baixada coincidiu no tempo coa "aposta decidida" por parte da Concellaría que xestiona Raimundo González do programa de compostaxe, tanto na cidade como no rural, a través de centros de compostaxe comunitaria, dos colectores individuais entregados nos domicilios particulares das parroquias, e tamén do programa Composta de colector marrón que se puxo en marcha a medidados de 2020 na améndoa urbana da cidade.

"A compostaxe contribuíu a reducir as achegas a Sogama, así como a unha mellor separación dos residuos a reciclar nos domicilios particulares, e ao bo comportamento de programas específicos pensados para o comercio e a hostalería como a recollida porta a porta de cartón/papel e de vidro", indica a Concello.

Comentarios