O compromiso ecolóxico sae ás rúas da cidade

O Concello monta espazos de sensibilización e espectáculos para concienciar á cidadanía
Imaxe do espectáculo deste venres na Praza da Peregrina. JAVIER CERVERA- MERCADILLO
photo_camera Imaxe do espectáculo deste venres na Praza da Peregrina. JAVIER CERVERA- MERCADILLO

O COMPROMISO de Pontevedra coa ecoloxía, a natureza e o comercio sostible é máis visible nas rúas da cidade desde este venres mediante tres puntos sostibles instalados pola iniciativa "O Meu Compromiso" en zonas estratéxicas: Rosalía de Castro, fronte á Audiencia Provincial; a Praza de Ourense, fronte a San Francisco; e a rúa Doutor Loureiro Crespo, fronte ao Hospital Provincial.

A través destes espazos verdes informativos, a iniciativa impulsada pola Concellería de Promoción Económica e Turismo en colaboración coa Deputación Provincial pretende, entre outros obxectivos, concienciar sobre a importancia dunha decoración sostible, dinamizar e dar visibilidade ao comercio de proximidade, enxalzar a creatividade das nosas tendas e incentivar as compras nos establecementos participantes.

Os tres puntos sostibles están realizados con materiais naturais, ecolóxicos e reciclados. O de Rosalía de Castro, a base de botellas, plásticos e un andamio, permitirá obter información sobre as pinturas e o plástico reciclado; o da Praza de Ourense, creado con cubos e fibras naturais, achegará información sobre fibras como a la ou o algodón; e o de Loureiro Crespo, decorado con madeiras e plantas, ofrece datos de interese sobre a madeira e as plantas naturais.

Ata este último achegáronse precisamente esta mañá o tenente de alcalde, Tino Fernández, a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, e a deputada provincial Olga García Ballesteros, para inaugurar estes espazos de concienciación, que serven ademais de expositores dos correspondentes comercios da zona participantes no concurso de escaparatismo de O Meu Compromiso, para o que os establecementos implicados deben decorar as súas fachadas/escaparates con motivos sostibles acordes coa área na que se atopen ubicados.

Segundo explicou Yoya Blanco, "a campaña está a espertar unha enorme ilusión entre os comercios participantes, que nos están a enviar correos nos que nos din que teñen moitas gañas de dar o mellor de si no concurso de escaparatismo ecolóxico e que agardan cumprir as expectativas". Hai xa 42 establecementos inscritos, distribuídos polas distintas zonas.

Durante os pasados días, a experta Cany Juncal, especialista en Visual Merchandising, realizou asesoramentos entre os locais participantes para enfocar os seus proxectos decorativos. O concurso de escaparatismo contempla tres premios de 600 euros para os mellores decorados, elixidos en base aos criterios dun xurado composto por un membro da Deputación, un técnico do Concello e unha responsable da firma organizadora (Sra. Nona Brand).

Tal e como aclarou Yoya Blanco, "o que se premiará será a creatividade e orixinalidade, sempre e cando o establecemento respecte a esencia da campaña e inclúa o material que lle toca na súa zona".

Os nomes dos comercios participantes serán visibles desde o vindeiro luns 11 de outubro na páxina web, na que tamén se publicarán os nomes dos gañadores o día 19 de outubro.

Dado que os puntos sostibles xa foron vítimas da incivilidade dalgúns individuos, que perpetraron actos vandálicos e roubos ás poucas horas de seren instalados, Yoya Blanco pediulle á cidadanía que respecten estes decorados "realizados co máximo esforzo e agarimo por parte dos traballadores das empresas colaboradoras".

"Os elementos instalados non se poden substraer, xa que roubar, ao igual que destrozar mobiliario urbano, son delictos", lembrou a socialista.

Ademáis, coincidindo coa inauguración dos puntos sostibles, a iniciativa O Meu Compromiso acolleu este venres un pasarrúas e o primeiro dos espectáculos Rock in the Air, na Praza da Peregrina, no que a compañía de Pablo Mèndez Performances executou vertixinosas coreografías a seis metros de altura.

Comentarios