Os comuneiros doan 14.800 m2 para o campo de Salcedo

As instalacións deportivas, de herba sintética, serán financiadas integramente cunha subvención da Deputación de 1,6 millóns
Entorno do antigo campo de tiro da Brilat. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Entorno do antigo campo de tiro da Brilat. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

A Xunta de Goberno Local aprobou este luns a recepción dos arredor de 14.800 metros cadrados de terreo cedidos pola Mancomunidade de Montes para a construción do novo campo de fútbol de herba sintética da parroquia de Salcedo, nas inmediacións das instalacións da Brilat. En paralelo, a Concellería de Deportes acaba de recibir a pertinente autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (Aesa) para levantar as futuras torres de iluminación do campo e o arqueólogo municipal, Xoán Carlos Castro, vén de remitir un informe positivo en relación aos petróglifos situados nas proximidades da parcela, polo que o Concello só está pendente do permiso do Ministerio de Defensa e da sinatura do convenio coa Deputación para poder darlle luz verde definitiva a esta actuación.

O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, agarda que tanto a autorización de Defensa como a formalización e rúbrica do acordo de colaboración, polo que a institución provincial lle outorgaría á Administración municipal unha subvención polo custe total do proxecto (cuxo orzamento base de licitación ascende a máis de 1,6 millóns de euros), "se poidan materializar nas vindeiras semanas". "A Xunta da Mancomunidade de Montes acordou en 2019 a cesión dos terreos ao Concello para uso deportivo", explicou o edil socialista. No que atinxe á autorización en materia de servidumes aeronáuticas, Aesa informou recentemente ao Concello sobre a súa decisión de permitir a construción do campo de fútbol e a instalación das torres de iluminación, que terán unha altura de 24,61 metros. Segundo sinala a Axencia Estatal de Seguridade Aérea, as torres "non vulneran as servidumes" ao Aeroporto de Vigo.

Tino Fernández lembra que "a obra proxectada está situada nas inmediacións de varios xacementos arqueolóxicos catalogados, todos eles petróglifos". En base ao informe emitido polo arqueólogo municipal, a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia establece un contorno de protección de 200 metros para este caso, polo que "o ámbito de obra non afecta a estes contornos" e só o ángulo noroeste estaría no límite do contorno do petróglifo máis próximo, tocando só o extremo". "Tendo en conta isto –matiza Xoán Carlos Castro- non considero necesaria a tramitación do proxecto de obra ante a Xefatura Territorial da Consellería de Cultura para a súa autorización, nin realizar unha intervención arqueolóxica en relación coas obras".

No que se refire á autorización solicitada ante o Ministerio de Defensa, os terreos sobre os que se construirá o campo usábanse antigamente como campo de tiro, se ben unha sentenza xudicial ditaminou que en realidade a súa titularidade pertencía aos comuneiros de Salcedo. En calquera caso, a Concellería de Deportes decidiu pedir o visto bo do Ministerio para esta actuación.

O futuro terreo de xogo, deseñado polos arquitectos Jorge Santos, José Carlos Mera (de Santos y Mera Arquitectos SLP) e Gustavo Pérez, terá unhas dimensións de 100x58 metros e o pavimento de herba artificial deberá superar os parámetros de durabilidade máis esixentes e ter unha resposta deportiva das máis altas prestacións homologables pola FIFA. O proxecto plantexa un conxunto de novas edificacións que integra todas as instalacións que require o terreo de xogo, catro vestiarios para xogadores, dous vestiarios para árbitros, almacéns e unha bancada elevada.