Comunicación Audiovisual e Belas Artes poñen a banda de egresado a 128 alumnos

O Pazo da Cultura acolleu a graduación da nova promoción de titulados de Belas Artes ► Os estudantes de Comunicación despediron o curso cunha emocionante gala

Parte dos graduados de Belas Artes e Comunicación Audiovisual. GONZALO GARCÍA
photo_camera Parte dos graduados de Belas Artes e Comunicación Audiovisual. GONZALO GARCÍA

A UVigo despediu este venres a 125 novos egresados do Campus de Pontevedra. O Pazo da Cultura acolleu o acto de graduación de 85 novos titulados e tituladas en Belas Artes, que celebraron a fin dos seus estudos cun acto que estivo presentado pola alumna Marta Morán e que contou cos discursos do profesor do Departamento de Escultura Juan Carlos Román e do integrante desta nova promoción de graduados Fabio Martins. Trala entrega de diplomas, o acto pechouse coa actuación musical da autora Andrea Soliño.

Á celebración, na que houbo referencias o futuro dos estudantes que dirixen o camiño cara as artes, contou ademais coa asistencia do vicerreitor do campus, Jorge Soto; o decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Xosé Baamonde ; e os profesores Fortunato Rodríguez e Diana Ramahí, que ademais foron padriño e madriña da promoción.

Tamén a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación estivo este venres de celebración. As súas instalacións acolleron o acto de graduación dos 43 novos titulados e tituladas que integran a sétima promoción do grao en Comunicación Audiovisual.

Cun formato de gala, conducida por dous integrantes desta promoción, o Campus rendeu homenaxe ó alumnado que rematou os seus estudos. O acto contou cos correspondentes discursos e tamén se levou a cabo a entrega de bandas e diplomas ós novos egresados. A gala completouse pola proxección de diferentes vídeos que arrincaron os aplausos do público asistente.

Os actos de graduación destas dúas facultades únense ós celebrados o pasado xoves no Pazo da Cultura, que acolleu a cerimoia de graduación da sétima promoción dos graos de Educación Infantil, Educación Primaria e Ciencias da Actividade Física e do Deporte, no que 240 estudantes recibiron as bandas.

Este sábado será a quenda do alumnado de Publicidade e Relacións Públicas. 85 rapaces desta facultade gradúanse nun acto que comezará ás 18 horas.

Comentarios