Comunicación Audiovisual impartirá en galego o 80% dos créditos no novo curso

O vicerreitor do campus aposta por incentivar as actividades culturais e deportivas e fortalecer os vínculos da Universidade coa cidade e as institucións
Estudantes de Ciencias da Educación, este luns na facultade. DUVI
photo_camera Estudantes de Ciencias da Educación, este luns na facultade. DUVI

"Estamos preparados para darlle a novo alumnado uns servizos da maior calidade posible nunha universidade do século XXI", salientou este luns o vicerreitor do campus de Pontevedra, Jorge Soto, con motivo do primeiro día do curso 2019-2020, no que a Universidade de Vigo cumpre o seu 30 aniversario.

Con ese propósito, apunta como un dos obxectivos "incentivar todas aquelas actividades culturais e deportivas que contribúan a que a Universidade, máis aló das clases, sexa tamén un espazo vital". Remarca tamén que "incrementar a actividade do Green Campus" ou continuar "fortalecendo os vínculos coa cidade e as súas institucións" son outros dos obxectivos para este curso, segundo informa o Duvi. "Tamén estaremos a carón da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, que celebra o seu 25 aniversario". Por outra banda, Soto subliña que a Vicerreitoría traballa "desde hai meses" no proceso de acreditación do Campus Crea, á vez que nos próximos meses se avanzará na habilitación das plantas reservadas á institución académica no edificio administrativo da Xunta en Benito Corbal, unha vez se asine o convenio de colaboración para o seu acondicionamento e cesión.

O primeiro cuadrimestre estenderase ata o 24 de xaneiro, mentres que o segundo comprende do 27 de xaneiro ao 5 de xuño. Ao longo destes meses, a institución deberá desenvolver os trámites para a posta en marcha en Pontevedra da nova Facultade de Deseño e Creación, na que se impartirá a partir do curso vindeiro (2020-2021) o Grao en Deseño e Creación. Neste ano tamén se desenvolverá o proceso de acreditación dos campus de especialización da UVigo: Campus Crea na cidade do Lérez, Vigo Tecnolóxico e Campus da Auga, en Ourense.

Unha das principais novidades deste curso académico é a posta en marcha dunha medida que a Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística cualifica como "histórica": a impartición do 80% de tres graos en galego: Comunicación Audiovisual en Pontevedra e Educación Infantil e Educación Primaria en Ourense.

MESTRADOS. No que respecta ás demais titulacións, este curso comeza sen grandes novidades, como explica o vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, Manuel Ramos. "Tanto os dous mestrados como un programa de doutoramento que tiñamos previsto que arrancasen este curso retrásanse ao próximo por problemas diversos, aínda que os tres están avaliadas positivamente as memorias por parte da ACSUG". A única novidade é o Máster en Xestión e Dirección de Sistemas e Tecnoloxías da Información e as Comunicacións e Seguridade da Información que se estrea no Centro Universitario da Defensa de Marín.

Tamén se incrementará nun 11% a oferta de materias en inglés en diferentes graos e mestrados e se organizarán festas "socialmente responsables" dedicadas aos países dos que procede o alumnado estranxeiro.

Comentarios