'‘Con barqueira e remador'’ fíxase nos poetas de Europa do Leste

Autores das literaturas croata, búlgara, rusa e ucraína participarán no obradoiro internacional de tradución poética
Anxo Lorenzo, Yolanda Castaño e Xosé Leal (de esquerda a dereita), na Deputación
photo_camera Anxo Lorenzo, Yolanda Castaño e Xosé Leal (de esquerda a dereita), na Deputación

A poesía de Europa do Leste protagonizará a quinta edición do obradoiro internacional de tradución poética ‘Con barqueira e remador’, que coordina Yolanda Castaño e que se celebrará entre o 17 e o 22 de outubro na Illa de San Simón. Representantes das literaturas croata, búlgara, estonia e ucraína participarán no evento, que foi presentado este martes na Deputación Provincial por parte da súa coordinadora, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, e a concelleira de Cultura de Redondela, Teresa París.

Aproveitando a presentación do obradoiro deste ano en Pontevedra, e como vén sendo habitual, a cidade tamén acolleu, pola tarde, a presentación do volume que recolle o traballo do ano anterior. Desta vez, o acto foi no Museo e correu a cargo tanto de Yolanda Castaño como da autora galega que exerceu de anfitrioa, Estíbaliz Espinosa. Este ano recolleu o testemuño desta última Dores Tembrás.

Segundo explicou a coordinadora de ‘Con barqueira e remador’, xunto a Tembrás estarán en San Simón o poeta, dramaturgo, editor e tradutor croata Damir Sodan; a poeta búlgara Tsvetanka Elenkova; o editor, tradutor e mediador cultural estoniano, Igor Kotjuh, ("é o segundo autor estoniano que vén, aínda que el emprega a lingua rusa", explicou Castaño), e o poeta, tradutor, ensaísta e crítico ucraíno Ostap Slyvynsky. Mención á parte mereceu a presenza da poeta e videocreadora de orixe galega Miriam Reyes, "a primeira autora en lingua castelá que participará no obradoiro", sinalou Yolanda Castaño, que destacou o traballo desta creadora como editora e tradutora da antoloxía de poesía galega contemporánea ‘Punto de ebullición’, que publicou o ano pasado o Fondo de Cultura Económica.

CASA DA LUZ. A coordinadora do obradoiro tamén lembrou que ‘Con barqueira e remador’ é unha iniciativa pioneira en Galicia que inclúe, ademais do obradoiro en San Simón, a publicación dun libro e unha serie de actividades en distintos espazos abertas ao público. Este ano, esta programación poética abrirase o mércores 19 de outubro na Casa da Luz de Pontevedra (20.00 horas). Ao día seguinte, celebrarase un recital no Mercado Progreso de Vigo (19.00 horas). "Esta actividade, como novidade, celebrarémola dentro da programación do Festival Kerouac de Poesía e Performance de Vigo", indicou Castaño. As propostas rematarán o venres 21 de outubro no Multiusos da Xunqueira de Redondela (20.00 horas).

Yolanda Castaño insistiu na importancia dun obradoiro de tradución como ‘Con barqueira e remador’ "para enriquecer o patrimonio cultural e literario galego, especialmente o poético, poñéndoa en relación con linguas, con e sen estado, de todo o mundo".

No mesmo insistiu o deputado de Cultura durante a súa intervención. "Aquí o galego xoga en igualdade de condicións con outras linguas do mundo". Leal tamén quixo remarcar como o proxecto sae adiante grazas á colaboración dos concellos de Pontevedra e Redondela, a Deputación Provincial e a Xunta de Galicia.

Comentarios