Con pan e cocido tamén se fai o camiño

Pontevedra acolleu onte obradoiros e un coloquio incluídos nas xornadas 'Con moita miga', así como varias citas con motivo do Día Internacional do Cocido. Barro tamén se sumou á proposta
Comensales celebrando o Día Internacional do Cocido
photo_camera Comensales celebrando o Día Internacional do Cocido

Ao estilo máis tradicional ou cunha elaboración innovadora. Tanto dun xeito como do outro, os tres locais que este sábado se sumaron en Pontevedra ao Día Internacional do Cocido (coñecido como ‘CocidoDay’) seduciron aos seus comensais.

Na cidade do Lérez participaron El Cafetín, Taberna Zentola e Xantares Campolongo. Neste último, a responsable da xornada (ou #CocidoLeader) foi Judit Meiriño e, segundo indicou, a experiencia foi «magnífica» e os asistentes «interactuaron moito a través das redes sociais para describir o xantar (a base de sopa, cocido tradicional con porco celta e sobremesa) e tamén para promocionar o cocido».

Ademais dela, na mesa deste local estiveron Jaime Barreiro (de Cactus Digital), Toño Escudero (de Creappcuentos), Alberto Garnil (de Icon Web), Silvia Crespo (de Bien Bonito), Marga Caeiro (de Pontevedra Digital) e Roberto Juncal (de Alimentación Juncal). Todos eles destacan pola súa presenza en redes sociais ou por outras facetas que os fan influíntes na sociedade, pois un dos obxectivos desta iniciativa é, precisamente, amosar ao mundo un prato tan representativo da cociña galega. Así, á mesa do Cafetín acudiron, entre outros, a presidenta da Deputación, Carmela Silva; o deputado de Turismo, Santos Héctor, e o presidente do Cluster Turismo de Galicia, Francisco Iglesias.

Tamén en Barro houbo unha cita co ‘CocidoDay’, concretamente, as IV Xornadas Gastronómicas adicadas a este prato tradicional, organizadas pola Asociación Cultural Fervenza da Barosa nos restaurates Portaliña (en Portela) e BarosaGastro (na Muiñada da Barosa).

O PAN. Pero non só o cocido foi onte o protagonista gastronómico en Pontevedra. Na Boa Vila tamén se celebrou unha nova cita das Xornadas do Pan Galego ‘Con moita miga’, promovidas polo Concello. A Praza de Abastos acolleu durante toda a mañá diversos obradoiros que reuniron a un bo número de participantes. Pola tarde, a actividade trasladouse á Casa da Luz, onde tivo lugar unha mesa redonda sobre ‘A formación dos panadeiros’ na que interviron Román Latas, Manuel Hermo e Daniel Pampín e que foi moderada por Xosé Manuel García. A continuación, desenvolveuse unha charla coa familia da panadería J. Castro Hermanos e a xornada concluíu cunha cata.

A programación continuará esta tarde co obradoiro ‘Catro horas con Ibán Yarza’ e unha charla a cargo de Xavier Barriga, así como unha obra de teatro infantil titulada ‘Merenda con pan de millo’ a cargo do grupo Migallas. Mañá haberá unha xornada que reunirá a 300 profesionais do sector do pan galego.

Comentarios