Os concelleiros socialistas dan exemplo no inicio da 'Rara, pero San Silvestre'

Fernández, Blanco, Puentes e Rey deron cinco voltas ao roteiro Entrepontes, un dos máis asequibles da proba
Iván Puentes, Yoya Blanco, Tino Fernández e Marcos Rey, este martes no Paseo Domingo Fontán. DAVID FREIRE
photo_camera Iván Puentes, Yoya Blanco, Tino Fernández e Marcos Rey, este martes no Paseo Domingo Fontán. DAVID FREIRE

A Rara, pero San Silvestre de Pontevedra deu este martes o seu pistoletazo de saída e o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, e os concelleiros do Grupo Municipal do PSOE Yoya Blanco, Iván Puentes e Marcos Rey decidiron enfundarse a roupa e as zapatillas deportivas para afrontar o reto ao que Fernández comprometera na presentación do evento: completar 195 kilómetros (300.000 pasos) antes do 15 de xaneiro. Para esta xornada inaugural, os concelleiros socialistas optaron polo roteiro Entrepontes, un dos máis asequibles da proba, cunha lonxitude de 1.000 metros –12 minutos camiñando, tal e como establece o MetroSilvestre–, entre as pontes de O Burgo e o das Correntes.

Ver máisMetroSilvestre, dez circuítos para todos os públicos

Tino Fernández aproveitou a ocasión para "animar a todos os pontevedreses e pontevedresas a sumarse a esta San Silvestre tan especial", inscribíndose previamente na web da Sociedade Ximnástica e rexistrando a actividade realizada a través desta mesma páxina ou escaneando os códigos QR instalados nas sinalizacións dos circuítos. "Temos unha proposta de dez circuítos que suman 37 kilómetros e que se poden completar individualmente ou en familia. Máis que nunca, trátase dunha San Silvestre pensada para todo o mundo e na que os que non estamos tan en forma, como é o meu caso, tamén podemos achegar o noso grao de area e colaborar co Banco de Alimentos", sinalou o tenente de alcalde.

Aínda que as marcas son o de menos, Tino Fernández, Yoya Blanco e Iván Puentes completaron cinco voltas camiñando "a bo ritmo" –cinco kilómetros cada un–, mentres que Marcos Rey fixo dez kilómetros correndo no circuíto.

Comentarios