A concellería de Deportes anuncia o inicio das obras do campo de fútbol 11 Xunqueira II

As tarefas de mellora comezarán o vindeiro día 29
Estado actual do campo. CEDIDA
photo_camera Estado actual do campo. CEDIDA

A Concellería de Deportes iniciará o vindeiro 29 de novembro as obras de renovación do céspede artificial do campo de fútbol 11 número 2 do Complexo Municipal Manolo Barreiro. Para o financiamento do proxecto dedicouse unha partida económica de 285.773,04 euros.

O edil da área de Deportes, Tino fernández, amosouse optimista coa data de finalización do proxecto e agarda que "se a meteoroloxía e os subministros o permiten, as actuacións (adxudicadas á firma Limonta Sport Ibérica SLU) poderían estar rematadas en menos de dous meses, cara febreiro ou marzo".

O campo de fútbol conta cunhas dimensións entre as liñas brancas que delimitan o terreo de 100 x 62 metros, sendo a superficie total do céspede de 105 x 65 metros (incluíndo as marxes das bandas e dos fondos).

O seu eixo lonxitudinal está sensiblemente orientado norte-sur. A superficie de xogo está constituída na actualidade por unha soleira de aglomerado, sobre a que vai directamente unha alfombra de céspede artificial que presenta un forte desgaste e o terreo de xogo actual non cumpre cós requirimentos esperables para estas superficies. 

Actuacións que se levarán a cabo 

Unha vez retirado o céspede antigo, comprobarase a regularidade superficial e o estado da superficie. Regarase a superficie para detectar defectos na 'planeidade' e realizarase un levantamento taquimétrico con suficentes perfís transversais e unha nube de puntos, verificando así a pendente coa que conta o campo de fútbol e detectando as irregularidades zonais.

A continuación, procederase ao fresado de certas áreas do campo de fútbol e, tras dito fresado, barrerase a superficie, aplicarase un rego de adherencia e botarase unha capa de mestura bituminosa en quente, con estendedora e posterior compactación para tratar de mellorar as caídas nas zonas onde se retén máis a auga.

De seguido, instalarase unha base elástica prefabricada cun grosor mínimo de 14mm, que xunto co céspede e o recheo haberán de cumprir os criterios de calidade de Fifa Quality.

Segundo avanza Tino Fernández, "trala colocación da base elástica prefabricada instalarase un céspede artificial de última xeración testado en laboratorio consonte aos criterios Fifa Quality: a fibra será monofilamento de polietileno 100% en cor verde, con tratamento anti UVA resistente ao calor e ao xeo".

Comentarios