O Concello achega a tecnoloxía led ao 90% do alumeado público no rural

A implantación desta tecnoloxía permite un aforro económico de máis de 350 mil euros e dun 75% de enerxía
Anabel Gulías en una imagen de archivo. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Anabel Gulías en una imagen de archivo. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O Concello de Pontevedra aprobou este luns, 29 de novembro, en Xunta de Goberno, o inicio do expediente de contratación para a renovación das instalacións de alumeado exterior nas parroquias de Alba, Campañó e Cerponzóns. Contará cun prazo de execución de seis meses e terá un importe de 1,2 millóns de euros.

A  portavoz do Goberno, Anabel  Gulías, quixo facer fincapé no importante investimento realizado ao longo dos últimos tempos por parte do Concello de Pontevedra á hora de renovar a iluminación led  nas parroquias de todo o municipio. "Podemos xa confirmar que levamos máis do 90% do territorio coa luminaria exterior renovada",  explicou a portavoz.

"Facémolo co convencemento de que é necesario adaptar a nosa rede a esta nova tecnoloxía por cuestións básicas. Dunha banda é unha tecnoloxía de alta calidade que permite dirixir a luz con máis precisión, aproveitar todos os recursos enerxéticos dos que dispoñemos e evitar, algo tan molesto como é a luz intrusa nas vivendas". "Dixemos que ía ser o mandato da excelencia do rural e cremos que investimentos  tan importantes coma este son boa mostra do conseguido ata o momento. Contan con luminaria led a contorna da Canicouva, Acevedo, Rañadoiro, Bora, Lourizán, Verducido, Santa María de Xeve e San André de Xeve, Marcón, Mourente, Cerponzóns, Campañó, Alba, Ponte Sampaio e as entradas da cidade", comentou Gulías.

En total, o Concello xa instalou preto de 9.000 luminarias led, o que supón un aforro de 3.168.565,49 KW o ano. Isto tradúcese nun aforro enerxético dun 75% e que deriva tamén nun aforro económico, algo realmente importante se se teñen en conta "os prezos da luz hoxe en día", tal e como sinalou a portavoz.

Máis de 350.000 euros é o aforro anual que permite este novo alumeado, logo dun investimento de algo máis de seis millóns de euros no rural pontevedrés, para "buscar calidade e compromiso contra o medio ambiente e que pode ser realizado desde calquera punto do planeta, desde as grandes cidades ás parroquias como Marcón ou Alba. Ese é o compromiso do Concello".

Doutra banda, Gulías lembrou que a instalación desta tecnoloxía  tamén supón vantaxes na renovación de cadros de luz, mais tamén permite unha redución nos custes de mantemento  —duran moito  máis—, o que deriva noutro aforro a maiores.

Co novo contrato, iniciado este luns o seu expediente, o Concello afirma que o 90 % do rural pontevedrés está cuberto con tecnoloxía led e que se seguirá traballando ata lograr a cifra do cen por cen, en puntos moi pequenos situados nas parroquias de Tomeza, Salcedo e Lérez. "Agardamos que neste mandato poidamos finalizar este cometido", finalizou a edil.

Comentarios