O Concello acomete unha reordenación da mobilidade na contorna de Palamios

A actuación contempla a instalación elementos de redución da velocidade en tres rúas da contorna e o cambio de sentido das rúas de San Roque de Abaixo e da rúa do Corpo Santo
Imagen de archivo de la zona de Palamios. ADP
photo_camera Imagen de archivo de la zona de Palamios. ADP

A concelleira de Sostemento de Espazos Públicos Urbanos de Pontevedra, Eva Vilaverde, anunciou esta mañá que o Concello inicia este xoves as obras necesarias para reordenar a mobilidade na contorna da rúa Palamios.

Esta reordenación implica a instalación de elementos de redución da velocidade en tres rúas (Palamios, San Roque de Abaixo, e Ribeira dos Peiraos) e o cambio de sentido nas rúas do Corpo Santo e de San Roque de Abaixo. Eva Vilaverde centrou esta actuación na necesidade de “mellorar a seguridade vial, a accesibilidade e a mobilididade” nesta área.

A este respecto asegurou que “había tempo que non se actuaba nesta zona e viamos moi necesario abordar aquí unha mellora do espazo público”. Así, indicou que tras o cambio da capa de rodadura na Ribeira dos Peiraos e Palamios, “faise necesario abordar outros problemas nese entorno, sobre todo tendo en conta que se trata dunha zona eminentemente residencial, de paseo e con servizos como os de dúas escolas infantís, que fai que convivan a diario persoas e familias con nenos e nenas cunha alta presenza de coches, e incluso velocidades inasumibles en ningunha rúa de Pontevedra, e menos nesta”.

De cara a resolver a situación, a concelleira citou as seguintes actuacións:

• Substituír a capa de rodadura en San Roque de Abaixo entre o entronque con Palamios e o entronque coa rúa do Corpo Santo.

• Colocar un novo paso de peóns sobreelevado na metade da Ribeira dos Peirao.

• Garantir a accesibilidade do propio entronque (de Palamios e a Ribeira dos Peiraos cara a San Roque de Abaixo) elevando todo o espazo e permitindo o cruzamento tanto da Ribeira dos Peiraos como da Pontenova ao mesmo nivel da beirarrúa.

• Elevar o paso de peóns de Palamios á altura das escaleiras que soben cara a Raíña Vitoria.

• Colocación dun redutor de velocidade no final da beirarrúa de Palamios, antes de entrar na zona estreita (por detrás do IES Sánchez Cantón e á altura do ximnasio). Este paso estreito quedará sinalizado como zona de convivencia con prioridade peonil e, polo tanto, limitado a 10km/h.

• Elevar o paso de peóns que cruza xusto diante da Escola infantil en San Roque de Abaixo.

• Construír unha orella no entronque entre a rúa do Corpo Santo e San Roque de Abaixo, corrixindo unha situación de perigo para os peóns neste punto, por causa da acumulación de coches e desniveis entre ambas vías. Tamén está previsto sinalizar un paso de peóns que une esta orella coa parte de abaixo da rúa facendo posible o cruzamento con maior seguridade, sen coches e garantindo a continuidade.

• Cambiar o sentido de circulación da rúa San Roque de Abaixo, de xeito que quede de subida desde Palamios cara a San Roque, e con acceso limitado a residentes e servizos.

As obras comezarán o xoves por Palamios, polo que esta rúa terá tráfico restrinxido entre as 9:30h e as 19:30h, permitindo só acceso a garaxes pola Ribeira dos Peiraos con doble dirección. O venres, tamén de 9:30h a 19:30h, as obras situaranse na rúa San Roque de Abaixo, e só se permitirá o acceso a garaxes desde a rúa de San Roque pola rúa do Corpo Santo.

Comentarios