martes. 23.07.2019 |
El tiempo
martes. 23.07.2019
El tiempo

O Concello activa a plataforma de intercambio de libros escolares

As axudas para a compra de libros están destinadas a alumnos de 1º e 2º de Primaria e de Educación Especial. RAFA FARIÑA
As axudas para a compra de libros están destinadas a alumnos de 1º e 2º de Primaria e de Educación Especial. RAFA FARIÑA

O obxectivo do Trocalibros é reutilizar os manuais de texto e ademais axudar ás familias máis vulnerables

O Trocalibros xa está a funcionar. Coincidindo co remate do curso escolar, a Concellaría de Benestar Social, que xestiona Paloma Castro, pon en marcha a plataforma de intercambio de libros, a través da cal as familias con fillos e fillas escolarizados en centros de ensino de Pontevedra se poden pór en contacto para intercambiar os seus manuais de texto que aínda estean operativos no curso 2019-2020.

O manexo é sinxelo. As familias deben facerse usuarios da plataforma e logo encher no sistema os libros que ofrecen e os que solicitan. Se eses volumes foron ofrecidos por algunha familia o sistema lle facilita os datos de contacto.

Aínda que non se pode garantir que estean dispoñibles os textos que se solicitan, o éxito do sistema depende da achega das familias, tal e como explicou a concelleira. Cantas máis familias e cantos máis libros se ofrezan máis opcións haberá para todas elas.

REQUISITOS. Así, os requisitos para tomar parte nesta iniciativa son, en primeiro lugar que os escolares deben estar cursando estudos en centros educativos da cidade; o intercambio abrangue os cursos dende 3º de Primaria e ata 2º de Bacharelato (os libros de Infantil e ata 2º de Primaria non se poden volver usar). Ademais, é imprescindible que os libros se atopen en bo estado e non se pode pedir ningunha cantidade económica polos manuais escolares, xa que o intercambio é de balde.

A concelleira de Benestar, Paloma Castro, aposta por promover un espazo colaborativo e contribuír a xerar un modelo de desenvolvemento sostible dende a perspectiva económica, ecolóxica e social. "Este é o obxectivo deste proxecto de reutilización dos libros de texto, que ademais pretende dar resposta no ámbito educativo a familias pontevedresas que se atopan nunha situación difícil", indicou a concelleira.

"Dende a Concellería de Benestar queremos impulsar o Proxecto do Trocalibros, co fin de prolongar a vida dos manuais, transmitir valores de respecto e coidado cara o material escolar e solidariedade", concluíu a edil socialista.

Dende o departamento de Benestar, indícase ademais que como se trata dunha experiencia bastante nova en todo o Estado, cómpre contar coa colaboración das familias, pedíndolles as melloras que se poidan facer de cara a próximos cursos, para o que solicitan que lle transmitan todas as suxestións a través do correo da plataforma.

O Concello activa a plataforma de intercambio de libros escolares
Comentarios