O Concello afrontará a reparación da Torre dos Montenegro cando o tempo o permita

Os traballos incluirán un sistema de drenaxe para evitar futuros danos producidos pola choiva
Las piedras caídas de la Torre de Montenegro. JAVIER CERVERA- MERCADILLO
photo_camera Las piedras caídas de la Torre dos Montenegro. JAVIER CERVERA

O concelleiro de Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda, informou este venres de que o Concello de Pontevedra prevé acometer a restauración dos restos da Torre dos Montenegro en canto a metereoloxía o permita, posto que as actuais condicións de humidade "non serían as idóneas" para uns traballos deste tipo.

O que si se iniciará de inmediato, segundo afirmou, será o proxecto de restauración e a solicitude á Consellaría de Cultura para a realización os traballos. Moreda explicou que a caída de parte da cimentación da Torre dos Montenegro se produciu polas choivas dos últimos meses, ao facer presión cara afora a auga absorbida no interior do muro.

Explicou que cando a Torre foi construída "non estaba previsto que chovera dentro porque esta estrutura correspondía a unha casa con cuberta", polo que se está valorando que o proxecto de restauración inclúa "a colocación dunha drenaxe para que a auga non se acumule no interior".

O derrubamento produciuse a última hora da mañá do xoves, o provocou que parte da pasarela peonil que discorre ao pé destes restos fose cortada por motivos de seguridade.

O concelleiro indicou que unha hora despois do derrubamento, xa se estaba procedendo ao apuntalamento dos restos para evitar novos desprendementos, ao tempo que se procedeu á recollida e almacenamento das pedras para ter o material dispoñible de cara a futura restauración.

Moreda tamén asegurou que grazas á abundante documentación existente, como debuxos e fotos, será doado volver reconstruír a cimentación tal e como estaba antes.