Vídeos

O Concello agradece o esforzo realizado polos participantes da feira PonteSan

A Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde agradece a súa "dedicación, profesionalidade e humanidade" a tódalas asociacións sociosanitarias participantes na I Feira da Saúde e o Benestar 'PonteSan', que tivo lugar durante os días 26 e 27 de setembro.

A través dunha peza audiovisual, o departamento que dirixe Tino Fernández quixo darlles "a noraboa polo grandísimo traballo e esforzo que levaron a cabo os días de celebración da feira, que claramente, son o resultado dunha vocación, xenerosidade e dedicación sen límites de cada unha das asociacións desta cidade de Pontevedra, sen esquecernos, claro está, do gran equipo que fixo posible a materialización desta I Feira da Saúde e o Benestar".

O obxectivo da posta en marcha deste proxecto, foi para o concelleiro, Tino Fernández, "visibilizar o seu inestimable labor axudando a centos de persoas, así como tratar de conseguir unha canle de contacto directo entre as asociacións sociosanitarias e o cidadán". "Unha vez conseguido este primeiro fito, xa estamos traballando na II Feira da Saúde, que, se a situación sanitaria nolo permite, queremos levar a cabo a próxima primaveira de 2021", avanza o socialista.

Comentarios