O Concello avalía as 14 propostas para a reurbanización do Gorgullón e pide aclaracións a unha das empresas

Segundo adiantou o consistorio, EC Casas é a empresa mellor colocada para a adxudicación

Calle Gorgullón. DAVID FREIRE
photo_camera Calle Gorgullón. DAVID FREIRE

A Mesa de Contratación do Concello para o proxecto de reurbanización do Gorgullón reuniuse este xoves para avaliar e valorar as 14 ofertas presentadas. A obra está financiada con cargo aos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (Feder) concedidos á Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integral (Edusi) de Pontevedra.

O concelleiro de Economía e responsable de Contratación, Raimundo González, informou sobre a xuntanza na que se viu a valoración do sobre B (proxecto de organización, cuestións relativas á accesibilidade, a seguridade, etc..) e se abriu a oferta económica. "Non procedemos a propoñer a ningunha empresa porque a proposta puntuada en quinto lugar entrou en baixa temeraria, por tanto temos que pedirlle que a xustifique" subliñou Raimundo González.

As ofertas económicas van desde 1.209.800 euros de Oresa (a máis barata) até 1.445.600 euros de Prace (a máis cara). Segundo adiantou o consistorio, EC Casas é a empresa mellor colocada para a adxudicación.

Todas as empresas ademais de facer a oferta económica  correspondente se comprometeron a facer as melloras formuladas polo Concello na convocatoria do concurso: o acondicionamento do entronque coa rúa da estación de autobuses, valorada en 90.000 euros e a mellora do pavimento da banda central da rúa, valorado en case 50.000 euros.

O Goberno local agarda que antes de final de mes xa esté xustificada a baixa, reunida de novo a Mesa para poder facer a proposta de que vaia a Xunta de goberno a aprobación da adxudicación e poder comezar a obra no mes de setembro.

"Temos especial interés en que as obras comecen no mes de setembro porque hai unha coincidencia bastante grande no tempo coas de Virxe do Camiño e asi os veciños sofrirán durante menos tempo as molestias derivadas das obras", explicou o concello nun comunicado no que salienta que a reurbanización da rúa Gorgullón —que forma parte do tramo urbano do Camiño Portugués a Santiago— redundará na mellora do desenvolvemento sostible da zona.

Comentarios