martes. 24.11.2020 |
El tiempo
martes. 24.11.2020
El tiempo

O Concello de Pontevedra avanza nas obras para crear un espazo público en Lérez

O futuro espazo xa ten listo o seu muro de contención. DP
O futuro espazo xa ten listo o seu muro de contención. DP
Será un punto de encontro para os veciños do lugar de Ramallás e estará listo para o seu uso antes da fin deste mesmo ano

A Concellaría do Rural, que xestiona a concelleira Pilar Comesaña na parroquia de Lérez, comezou nestes días a executar unha nova praza pública na entrada ao lugar do Ramallás, dende a rúa Cruceiro. Trátase de crear unha zona de estancia e encontro veciñal moi próxima ao centro de saúde nun espazo expropiado polo Concello en 2018, e que completa unha actuación integral formada pola expropiación previa, a instalación do saneamento e pavimentación de todo o lugar do Ramallás e o acondicionamento do parque; un investimento global que supera os 168.000 euros.

A actuación atópase na estrada Cruceiro, pasado o centro de saúde de Lérez e a estrada de Monte Porreiro a Médico Ballina, Trátase dunha segunda fase nunha parcela expropiada por valor de 15.000 euros. Aquela compra fixérase co fin de ampliar o acceso rodado a este lugar da parroquia de Lérez, xa que era moi angosto e con falta de visibilidade, o que resultaba moi perigoso para peóns e condutores. A primeira actuación consistiu en ampliar a estrada e habilitar beiravía por un dos lados do sentido de circulación, creando, a día de hoxe, unha estrada de dobre dirección. Aquela intervención culminou co asfaltado de toda a vía aproveitando a instalación do saneamento no lugar. O investimento foi de 105.300 euros e rematouse en xullo de 2019.

No espazo sobrante da parcela, o Concello traballa na creación dun parque para a veciñanza. Xa está construído un muro de contención con bloques de granito; e tamén se fixo o recheo da zona.

A proposta da concelleira Pilar Comesaña contempla a creación unha praza pública con lastro que estará dotada con recollida de augas pluviais, canalización de augas fecais, instalación de 4 farois led e mobiliario urbano. Tamén disporá dunha varanda que separará os tráficos peonís dos motorizados e rematarase coa plantación dun castiñeiro de indias, un Cercis Siliquastrum (comunmente chamada árbore do amor) e unha magnolia de flor. Esta fase ten un orzamento de 48.378,03 euros e rematará neste mesmo ano.

O Concello de Pontevedra avanza nas obras para crear un espazo...
Comentarios