martes. 28.01.2020 |
El tiempo
martes. 28.01.2020
El tiempo

O Concello contratará un estudo para implantar o transporte a demanda

Parada de taxis da Alameda de Pontevedra. GONZALO GARCÍA (ARQUIVO)
Parada de taxis da Alameda de Pontevedra. GONZALO GARCÍA (ARQUIVO)
No prazo dunhas semanas estará listo o prego para que as empresas se presenten a realizar un traballo sobre as necesidades, a viabilidade e o marco legal para a creación deste servizo

Avanzan os traballos para que o transporte a demanda sexa unha realidade na cidade. Así o anunciou onte o concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, que explicou que nunhas semanas estará dispoñible o prego para que as empresas que queiran optar á realización do estudo previo. O edil detallou algúns dos aspectos fundamentais para elaborar o dito proxecto. "É un traballo farragoso porque non existen experiencias previas, polo que supón unha dificultade maior", explicaba onte Gómez tras manter unha reunión con técnicos do Concello expertos na xestión dos fondos DUSI e coa empresa de asesoría do ente municipal.

Neste sentido, Gómez adiantou que se traballará en dúas liñas para avanzar na implantación deste servizo. Por un lado, na creación dun software que xestione o transporte a demanda, e polo outro, nun estudo amplo sobre as necesidades da poboación, a viabilidade ou o encaixe legal do servizo na realidade municipal de Pontevedra. Arredor deste estudo versou a rolda de prensa que ofreceu onte o edil nacionalista, que anunciou a necesidade de facer un traballo integral e completo que teña en conta todos os escenarios e posibilidades antes da implantación do servizo. O citado estudo incluirá máis de 2.500 entrevistas nas diferentes parroquias do Concello, tanto nos domicilios como en determinadas zonas que poden ser destino para a cidadanía que se despraza. "Falamos de centros administrativos, centros de saúde, zonas comerciais como o Mercado...", explicaba o mércores Demetrio Gómez.

Do mesmo xeito, o traballo comprenderá tamén enquisas a usuarios de vehículos para coñecer os seus hábitos e entender que tipo de servizo se adecúa máis ás necesidades dos condutores de coches particulares. "Queremos coñecer as posibles alternativas", apuntou Gómez.

Por outra parte, o estudo valorará tamén que tipo de vehículos son máis propicios para levar a cabo este servizo. "Este é un aspecto por determinar, parece razoable que o transporte a demanda corra a cargo dos taxistas, pero tampouco podemos descartar que o poida facer unha empresa de transporte que se faga cunha flota de vehículos e se encargue deste servizo", explicou o concelleiro.

Demetrio Gómez falou tamén dos prazos nos que podería estar listo o estudo sobre a implantación de dito servizo, que vén solucionar un problema de mobilidade propio de Galicia e a dispersión da poboación. Neste sentido, tal e como explicou o edil nacionalista, unha vez que saian os pregos do contrato para realizar o dito estudo. a súa realización terá un prazo de dez meses. "Estamos falando de que a principios de 2021 poderiamos ter xa elaborado o estudo", indicou Gómez.

Paralelamente, adxudicarase un contrato para poñer en marcha un "software" que xestione o servizo. "Nunhas semanas estaremos en disposición de sacar a concurso a realización deste "software" e pode que ao longo de 2021 poidamos ter tamén os resultados", explicou Gómez, que evitou dar prazos sobre a implantación do transporte a demanda na cidade. Neste sentido, a creación de dito servizo é un propósito a longo tempo que requerirá de moito traballo previo antes de ser unha realidade. "O noso obxectivo é poder poñelo en marcha antes de que remate este mandato, quizais, se en 2021 temos rematadas as dúas liñas de traballo que sinalei, se poida sacar a concurso o servixzo en si, pero isto non quere dicir que o transporte a demanda chegue a Pontevedra en 2021", indicou o edil apelando á prudencia.

Un dos aspectos que recalcou Gómez foi, precisamente, o legal. Así, o concelleiro de Mobilidade insistiu na necesidade de estudar ben o contexto legal no que se implanta o servizo para que logo, unha vez que se poña en marcha non haxa irregulariedades "que nos poidan tumbar o proxecto unha vez estea funcionando". Polo tanto, o proxecto de mobilidade para Pontevedra vaise perfilando, pero a súa materialización queda aínda lonxe.

O Concello contratará un estudo para implantar o transporte a demanda
Comentarios