O Concello creará unha horta urbana nunha parcela próxima a Ernesto Caballero

O proxecto plantexa a instalación de 17 bancais elevados dotados de sistema de rego, peche perimetral e subministro de elementos auxiliares
2020041214272441803
photo_camera A parcela da futura horta, a primeira no centro da cidade. DP

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural ampliará a oferta de hortas urbanas do concello de Pontevedra coa creación de novos verxeis de carácter comunitario nunha parcela situada na rúa Ernesto Caballero. En base á proposta de contratación realizada polo Servizo Municipal de Medio Ambiente e asinada polo edil socialista, a empresa de inserción laboral Feito Pontevedra SL, constituída pola asociación Rexurdir Provincial, será a encargada de executar esta actuación cun investimento duns 28.100 euros.

O proxecto plantexa a instalación de 17 bancais elevados de 14 metros cadrados dotados de sistemas de rego, o peche perimetral da parcela e o subministro de elementos auxiliares. Esta nova horta ecolóxica urbana sumarase ás xa existentes actualmente no Mirador do barrio de Monte Porreiro e na Finca de Conde Bugallal, dotadas respectivamente de 22 bancais elevados de 4,2 metros cadrados e de 37 bancais de 18,6 metros cadrados.

Iván Puentes explica que a Concellería de Desenvolvemento Sostible tamén contratou a Feito Pontevedra o servizo para a dinamización e xestión de tódolos verxeis comunitarios do municipio grazas a unha achega económica de máis de 10.000 euros. "O Concello, previa inscrición das persoas interesadas, realiza a concesión das hortas por un prazo de dous anos, prorrogable por outros dous, dándolle preferencia ás usuarias e usuarios dos servizos sociais ou do Centro de Información á Muller (CIM)".

Puentes engade que a empresa encárgase de asesorar aos usuarios no que se refire ao tipo de cultivos, o xeito de facelos e o manexo agronómico da plantación, de cara a respectar o medio ambiente. Ademais, leva a cabo o mantemento, supervisando o cumprimento das normas establecidas para o uso das concesións.

Os uso das hortas desenvólvese ao longo de todo o ano, coa realización de diferentes cultivos, tanto de inverno (como poden ser as coles) como de primavera/verán (leitugas, tomates, pementos…). Talleres e charlas formativas complementan as dinámicas de xestión dos bancais do Mirador de Monte Porreiro, que nestes momentos aproveitan 16 usuarios, e a Finca de Conde Bugallal, utilizados por 37 concesionarios.

Paralelamente, a mesma empresa impulsará pequenas hortas en seis centros escolares do municipio.

Comentarios