O parque forestal da Fracha incluirá tres sendeiros de descenso en bicicleta de montaña. Anunciouno onte o concelleiro de Montes, Alberto Oubiña, nunha rolda de prensa na que detallou algunha das características da iniciativa.
O proxecto contará con tres vías para realizar o descenso, de distintos niveis e identificados coas cores amarela, laranxa e vermella, de menos a máis dificultade. Estes carreiros terán un desnivel de entre 700 e 1.400 metros. A parcela na que se ubicarán os mencionados carreiros terá unha extensión de 14 hectáreas e a intervención na mesma será mínima, respectando o propio terreno. "Só será preciso habilitar algúns peraltes", contou o concelleiro, que explicou que non será preciso realizar un gran investimento.
A parcela na que se instalará o bikepak pertence á Comunidade de Montes de Marcón, que a cedeu ao Concello. "É unha ladeira coa inclinación ideal", dixo Oubiña. Ademais dos tres descensos xa mencionados, os usuarios disporán de remontes por pistas pavimentadas polos propios comuneiros da parroquia pontevedresa.
Do mesmo xeito, o concelleiro explicou que o proxecto formará parte do programado parque forestal da Fracha, que se prevé que estea listo a vindeira primavera, aínda que é preciso contar coas variacións do tempo á hora de levar a cabo as plantacións previstas.
Na presentación participaron tamén membros de colectivos de ciclistas de Pontevedra, como Manuel Torres e David Amor. Este último falou da importancia dunha iniciativa que tildou como "pioneira" pola súa proximidade á cidade. "Non podemos vivir de costas ao monte porque ten unha riqueza espectacular", declarou o humorista e usuario habitual da bicicleta, que aproveitou a ocasión para felicitar ao Concello. "Vai ser un referente", dixo Amor.
Pola súa parte, Alberto Oubiña, apelou á necesidade de que a xente visite os montes, xa sexa por lecer ou por traballo, como unha estratexia fundamental á hora de loitar contra os incendios forestais. Para iso, defende a aposta por diversificar os usos do espazo.