martes. 20.04.2021 |
El tiempo
martes. 20.04.2021
El tiempo

O Concello decide estender a rede de colectores marróns a trinta rúas máis

Plano no que se delimita en escuro o espazo polo que se estende o Plan Composta. CONCELLO DE PONTEVEDRA
Plano no que se delimita en escuro o espazo polo que se estende o Plan Composta. CONCELLO DE PONTEVEDRA
A recollida selectiva de residuos orgánicos abarca xa a práctica totalidade do centro, á que hai que sumar os composteiros

A recollida selectiva de lixo avanza en Pontevedra coa implantación de 20 novos colectores que darán servizo a 30 rúas máis. O Plan Composta, que leva colectores marróns aos espazos máis céntricos da cidade para a recollida de residuos orgánicos, medra a partir do próximo 8 de marzo, cando entrarán en funcionamento os novos colectores, tal e como anunciou onte o concelleiro responsable da xestión do lixo, Raimundo González.

Na actualidade, 40 rúas do centro de Pontevedra contan con este servizo e, tras a ampliación, pasarán a ser 70. Deste xeito, incorpóranse zonas como as do barrio da Moureira, que inclúe rúas como Arcebispo Malvar, Echegaray e a Avenida de Uruguay. Ademais, tamén se colocarán novos colectores en Rosalía de Castro e Manuel del Palacio e na Avenida de Vigo e o seu entorno. Neste sentido, González destacou que o colector marrón chega xa a toda "a Pontevedra compacta", se ben quedan áreas pendentes de estudo.

É o caso, por exemplo, da Praza de Barcelos, cuxa veciñanza se interesou xa pola recollida selectiva de lixo orgánico. Neste sentido, González afirmou que se está estudando que mecanismo de recollida se pode empregar para a zona, tendo en conta tamén a remodelación da praza pendente. Por unha parte, podería incorporarse á rede de colectores marróns, se ben tamén se contempla a posibilidade de que se coloquen composteiros comunitarios.

Cos equipamentos actuais para a recollida, case 300 toneladas de lixo orgánico foron recollidas no segundo semestre de 2020

BOA ACOLLIDA. González destacou a boa acollida desta forma de recollida selectiva entre a cidadanía. "Hai barrios que funcionan de xeito exemplar, cunha implicación modélica que é de agradecer", contaba onte o concelleiro nacionalista, referíndose tamén aos usuarios dos composteiros comunitarios.

Paralelamente á instalación dos novos colectores, persoal municipal encargarase de distribuír información a través de cartelería e folletos polos edificios, ademais de facer reunións presenciais nas que se entregarán bolsas biocompostables e caldeiros para depositar os residuos. Porén, o concelleiro explicou que a situación sanitaria limitará a posibilidade de realizar estes encontros con veciños e será preciso atender ás indicacións das autoridades en cada momento, polo que é posible que as visitas habituais non se poidan realizar ata que a pandemia evolucione favorablemente.

O Plan Composta é só unha das formas a través das cales o Concello promove a recollida selectiva de residuos orgánicos. Por outra parte, tamén se repartiron 3.000 composteiros individuais para vivendas do entorno rural e hai 28 centros de compostaxe comunitaria en funcionamento, ademais de outros oito cuxa instalación está prevista, tal e como explicou o concelleiro.

No que se refire ás recollidas cdo Plan Composta en colectores de cor marrón, ao longo dos últimos seis meses de 2020 recolléronse preto de 300 toneladas de residuos orgánicos. Deste xeito, en agosto recolléronse 35 toneladas, en setembro, 60,2; en outubro, 57,2; en novembro, 63 e en decembro, 82,5.

Os residuos recollidos nestes colectores destínanse a unha empresa situada en Leiro, na que se procesan para a súa venda como compost a agricultores da zona.

O concelleiro de residuos explicou que seguirá traballando na recollida de lixo orgánico de forma selectiva, ademais de avanzar que se porán tamén en marcha iniciativas para promover a reutilización, outro dos conceptos importantes á hora de falar dunha xestión sustentable dos residuos.

"Non estamos falando dunha cuestión económica, polo menos de momento, senón de tratar que o lixo circule o menos posible", explicaba o concelleiro, sinalando que, por exemplo, os composteiros individuais permiten que os residuos orgánicos non saian da vivenda na que se producen.

70 rúas do centro de Pontevedra terán servizo de recollida selectiva de lixo orgánico cos novos contenedores

O Concello decide estender a rede de colectores marróns a trinta...
Comentarios
ç