O Concello deseña a reforma integral do cemiterio municipal de San Amaro

O camposanto mellorará a súa accesibilidade e os niveis de eficiencia enerxética
Carme Fouces no cemiterio de San Amaro. GONZALO GARCÍA
photo_camera Carme Fouces no cemiterio de San Amaro. GONZALO GARCÍA

A concelleira responsable de Cemiterios, Carme Fouces, percorreu na mañá deste xoves os cemiterios de Bora, Campañó, Lourizán e San Amaro para comprobar os traballos realizados ao longo dos últimos tempos e que deixan en condicións óptimas estes espazos municipais para recibir visitas na época que máis afluencia de xente acude ata eles, como é a festividade do Día de Defuntos, o vindeiro 1 de novembro.

A edil tamén lembra que "pronto" sairá de novo a concurso, logo de quedar deserto, o proxecto para a ampliación de San Amaro, Voltar á terra, e que creará un espazo dentro do cemiterio municipal que ocupará unha parcela de 5.800 metros cadrados, unha sala para cerimonias civís e unha área para máis dun millar de columbarios e sepulturas. Coa respectiva actualización de prezos, a edil agarda que poida ser executada primeira fase deste plan canto antes.

Doutra banda, Fouces anunciou que o Concello xa está elaborando un proxecto de reforma integral de todo o cemiterio de San Amaro, que mudará potencialmente, mellorará desde a accesibilidade do lugar ata a súa eficiencia enerxética. A concelleira lembra que o camposanto de San Amaro pode ser visto como un "libro da propia historia de Pontevedra", polo que agarda poder comezar coa licitación do proxecto unha vez queden rematados os estudios técnicos previos.

No referido aos preparativos para a celebración do Día de Defuntos, en todos os cemiterios foron realizados, ao longo das últimas semanas, traballos de mantemento como a poda de sebes e árbores, amais de limpeza e posta a punto. De xeito máis concreto, no cemiterio de Bora foi realizada unha reforma e adecentamento de varias das súas rúas así como a pavimentación na parte nova, ademais do tratamento de varios dos muros e o do seu posterior pintado. Nesta mesma parte do camposanto actuouse no baño do lugar, namentres que na chamada parte vella a caseta antiga que alí se atopa foi arranxada totalmente, xerando un novo espazo útil.

En Campañó, amais da limpeza xeral e do mantemento, tamén foi rehabilitada unha caseta para uso do persoal de Cemiterios.

Pola súa banda, en Lourizán foi limpado e rehabilitado o muro principal da parte superior, "unha xoia" en palabras da mesma responsable de Cemiterios, Carme Fouces, o que permite locer en todo o seu esplendor os panteóns e columbarios que se atopan diante deste. Tamén se realizou un tratamento de restauración e se pintou un muro na parte inferior. Ao igual que no resto de cemiterios, foi acometida unha limpeza e un mantemento xeral do mesmo.

En San Amaro, o cemiterio máis grande da cidade, os que acudan nestas datas comprobarán os traballos de mellora que se realizaron nas dependencias dos operarios municipais. As actuacións de reforma do edificio de oficinas deste lugar remataron hai pouco e mudaron totalmente o interior destas oficinas, que conta con novo solo, mobiliario e instalacións.

No referido ao exterior, tamén foi mellorada a accesibilidade cunha rampla que salva as escaleiras de pedra da planta superior, ata agora único acceso. Ademais, foi instalado un desfibrilador fixo nas dependencias da planta baixa, mais tamén se conta cun desfibrilador portátil para atender calquera emerxencia. Os operarios que traballan no cemiterio recibiron un curso para o seu manexo.

Comentarios