O Concello engade 108.000 euros á achegas para as Escolas Deportivas

A oferta total ascende a 2.500 prazas
O concelleiro Tino Fernández. DAVID FREIRE
photo_camera O concelleiro Tino Fernández. DAVID FREIRE

As Escolas Deportivas Municipais (EDM) abrirán o luns o prazo de preinscrición para o período 2019-20 cunha oferta de 2.500 prazas, 700 máis respecto ás 1.800 que a Concellería de Deportes ofertara para 2018-19. Segundo anunciou o socialista Tino Fernández, o seu departamento incrementará en 108.000 euros a achega para subvencionar as EDM, pasando dos 142.000 euros de 2018-19 a 250.000, o que se traducirá nun aumento das axudas en 22 euros por rapaz inscrito (de 60 a 82 euros por neno).

A proposta abrangue unha vintena de disciplinas impartidas por entidades sen ánimo de lucro, para as que se estableceu unha cota de participación de 50 euros para todo o curso escolar. Tino Fernández sinala que, se ben a oferta inicial que sairá o luns será de 2.410 prazas, esta poderase incrementar "ata o tope de 2.500 no caso de que exista máis demanda".

"A estas prazas —lembra o edil do PSOE— hai que sumarlles outras 600 das EDM rurais (mantense a cifra con respecto a 2018-19), o que supón unha cifra global de 3.100 prazas, sen contar ás das EDM para grupos especiais". Os interesados terán de prazo para face-la preinscrición até o 19 de setembro, e poderán realizala presencialmente no Pavillón Municipal de Deportes (rúa Xoán Manuel Pintos, s/n), en horario de 08.30 a 13.30 horas e de 17.00 a 22.00 horas, ou a través da sede electrónica do Concello (no procedemento 206), dende as 00.00 horas do luns até as 23.59 do xoves.

Fernández subliñou que nesta primeira fase de preinscrición "haberá que presentar unicamente un formulario oficial totalmente cuberto e non se pedirá ningunha documentación persoal". "Naqueles casos nos que exista máis demanda que oferta, levarase a cabo un sorteo público entre tódalas solicitudes presentadas, polo que os rapaces que se preinscriban o luns ás 8.30 horas e o xoves ás 21.59 horas, ou que o fagan por internet, terán as mesmas oportunidades de acceder á matrícula", explica o edil do PSOE.

Entre o mércores 25 e o xoves 26 de setembro, en horario de 10.00 a 13.30 horas e de 17.00 a 22.00 horas, publicaranse os listados provisionais de preinscritos en cada escola no taboleiro oficial do Pavillón de Deportes, na páxina de Facebook 'Deportes Pontevedra' e na web do Concello. En caso de que alguén detectara erros ou incidencias neses listados provisionais poderá comunicalo durante as propias xornadas do mércores e o xoves, en horario de 08.30 a 14.30 horas, nas oficinas do Servizo Municipal de Deportes, telefonicamente no 986 872 013 ou mediante o correo electrónico "[email protected]".

As listas nas que a demanda supere á oferta serán expresamente anunciadas para que os interesados poidan acudir, se así o desexan, á fase de sorteo público. Nos demais casos, informarase de que xa están en condicións de formalizar a inscrición. O sorteo público desenvolverase nas oficinas do Servizo Municipal de Deportes (no Pavillón) o venres 27 de setembro a partires das 12.00 horas. Os listados definitivos serán publicados o luns 30 de setembro.

Comentarios