O Concello esíxelle á Xunta o arranxo integral da estrada vella a Marín

O concelleiro Alberto Oubiña sinalou deficiencias nas beirarrúas, farois en mal estado e pasos de peóns borrados ► "É imposible facer o percorrido de Pontevedra a Marín a pé en condicións de seguridade", denuncia o edil
Unhas das beirrúas, estreita en mal estado.DP
photo_camera Unha das beirarrúas, estreita e en mal estado.DP
O concelleiro responsable da parroquia de Lourizán, Alberto Oubiña, ofreceu onte unha rolda de prensa para explicar a petición que o Concello de Pontevedra trasladará á Xunta de Galicia, para que acometa un arranxo integral da estrada vella a Marín, a PO-546, ao seu paso pola parroquia de Lourizán.

"Esta non é unha petición nova, senón que xa vén dende hai tempo e os propios veciños teñen reclamado melloras en moitas ocasións", explicaba onte o concelleiro Alberto Oubiña, que repasou algúns dos desperfectos que explican a necesidade da dita intervención.

Do mesmo xeito, o concelleiro indicou que non se trata dunha reclamación que se deba a motivos estéticos, "senón que hai un problema de inseguridade real". Así, Oubiña explicaba que "non é posible realizar o traxecto a pé entre Pontevedra en Marín en condicións de seguridade".

A velocidade dos vehículos,a inexistencia de medidas de calmado do tráfico e o deterioro dos elementos do vial son algúns dos elementos que fan da PO-546 ao seu paso por Lourizán unha estrada que urxe ser arranxada. Deste xeito, Oubiña amosou algunhas imaxes dun tramo da beirarrúa na que esta se atopa afundida, debido a ao mal estado dun muro de contención que debería suxeitala. Ademais, a circulación de cadeiras de rodas polas beirarrúas é imposible, xa que son demasiado estreitas, teñen as baldosas levantadas ou afundidas e, en moitos casos, cómpre salvar un desnivel para cruzar polo paso de peóns. O concelleiro indicou tamén que hai determinadas zonas da estrada nas que os vehículos fan moito ruído, puntualizando que é unha vía pola que transitan numerosos camións con destino a Ence, tanto de día como de noite.

"A uns cantos metros de alí, a Xunta fixo unha intervención no concello de Marín na mesma estrada, pero esa reforma non ten sentido se non se lle dá continuidade en Pontevedra", indicou Alberto Oubiña. Do mesmo xeito, o concelleiro amosou a disposición do Concello de Pontevedra a colaborar neste arranxo, "mesmo se fose preciso achegando colaboración económica".

Neste sentido, Oubiña indicou que o deputado Luís Bará incluíu unha enmenda aos orzamentos da Xunta para que recolleran unha partida para as obras na estrada «que foi rexeitada cos votos do PP».

«Con máis de 40 anos a estrada vella a Marín está obsoleta e intransitable e os veciños de Lourizán non son menos que os de calquera outro lugar», dixo o concelleiro, que aclarou que nesta petición á Xunta non se inclúe o traspaso do vial ao Concello.