O Concello executa obras en 15 parroquias do rural pontevedrés

O investimento ascende a 35 millóns de euros 
Obras en Lourizán. CONCELLO
photo_camera Obras en Lourizán. CONCELLO

"Todas as parroquias teñen ou van ter nas próximas semanas obras en execución", asegurou este mércores o concelleiro de Coordinación do Rural, Alberto Oubiña, durante a comparecencia na que deu conta pormenorizada de todas as actuacións en marcha.

Tamén lembrou que actualmente, dos case 40 millóns de euros en obras que hai en execución no Concello, 35 millóns están a executarse ou a piques de comezar nas parroquias, contando as obras relativas ao contrato da auga. Sen as obras correspondentes á rede de abastecemento e saneamento da auga, o orzamento en execución sitúase en máis de 800.000 euros.

Alberto Oubiña salientou "a importancia das parroquias dentro do Modelo Pontevedra", unha premisa que desde o Concello "nos leva a traballar constantemente para poñelas en valor e sobre todo ás persoas que viven nelas". Neste sentido, sinalou o "enorme esforzo do Concello para poder chegar a todos os recunchos" e como exemplo citou o investimento por habitante que se está a realizar. Así, lembrou que o investimento contemplado nos orzamentos é de 132 euros por persoa na cidade, mentres que no rural ascende a 234 euros por persoa. Estas cifras increméntanse substancialmente se se engade o investivemento das obras do contrato da auga, quedando 139 euros por persoa na cidade e en 1.800 euros por persoa nas parroquias.

En canto ao tipo de actuacións que se están a realizar, á marxe das obras de abastecemento da auga, indicou que se trata de traballos que continúan "afortalando o Modelo Pontevedra" tales como melloras na seguridade e accesibilidade viaria, mobilidade peonil, mellora de parques infantís e de espazos de convivencia.

Por parroquias, as actuacións son as seguintes:

Bora

Están en execución obras de saneamento e abastecemento, así como arranxos viarios en determinados puntos como por exemplo no lugar do Tombo.

Mourente

Ademais dos proxectos de saneamento e abastecemento, proximamente executarase o núcleo de centralidade que inclúe o acceso aos Campos, o local do GDR e o local social

Tomeza 

Está en execución un calmado do tráfico na contorna do paseo dos Gafos e a mellora da accesibilidade e a seguridade das persoas nese tramo (lugar de Lusquiños)

Marcón

Estanse executando obras da rede de abastecemento e saneamento, calmados do tráfico en Pintos e na Cardosa, e vén de rematar a colocación de luminarias led no lugar da Peralba

Salcedo

Están en execución obras de abastecemento e saneamento, e está previsto realizar rehabilitacións integrais de certos viais como no lugar do Birrete (na ruta do autobús escolar), e no acceso a Matalobos diante de Raíña da Paz que inclúe calmado de tráfico e canalización das pluviais. Tamén se executarán calmados de tráfico na Carballeira e en San Brais, neste último lugar tamén se realizará unha mellora das drenaxes

Lourizán

Están en execución obras de abastecemento de auga, o cambio de luminarias da parroquia, co traspaso a leds, e a rehabilitación do vial de Marín -Raxo Lérez: realizaranse calmados de tráfico nos lugares de Cimbelo e na contrna do Castelo, rehabilitacións de viais entre A Piolla e Couso e no lugar de Fontecortiza, e melloras de drenaxes nos lugares de Castelo e Casaldarado

Santo André

Estanse realizando obras de saneamento e calmados de tráfico nos lugares de Sobral, Os Fontáns, Maúzo e Pilarteiros, e está previsto un muro de sostemento no vial municipal de acceso a Sobral

Santa María

Nas vindeiras semanas están previstas melloras nos parques infantís

Verducido

Están en execución obras de saneamento e melloras en parques infantís

Cerponzóns

Prevense calmados do tráfico na Costa e nos Cunchidos e mellora de drenaxes na Ameán, en Vigario, A Costa e Leborei

Alba

Estanse realizando melloras nos parques infantís

Campañó

Están en execución obras de saneamento e están previstos calmados de tráfico en Cochón, mellora de drenaxes en Casaldomendo, e rehabilitacións de viais nos lugares do Freixo e do Riveiro

A Canicouva

Prevense diversas melloras de seguridade viaria e melloras das fontes

Ponte Sampaio 

Realizaranse melloras nos parques infantís e a reposición da area da praia
 

Comentarios