O Concello e Fenosa acordan trasladar o transformador do colexio de Barcelos

Tino Fernández anunciou este martes os detalles do proxecto

 

Obras na contorna do CEIP Praza de Barcelos. DAVID FREIRE
photo_camera Obras na contorna do CEIP Praza de Barcelos. DAVID FREIRE

O Concello de Pontevedra e Unión Fenosa acadaron un acordo para o traslado do transformador ubicado no CEIP Praza de Barcelos.

Así o anunciou este martes o concelleiro de Educación, Tino Fernández, quen asegura que "deste xeito, o terreo queda despexado para que os servizos técnicos municipais poidan tramitar a contratación dos traballos".

Tino Fernández
"O transformador deixará de supoñer un perigo para a comunidade educativa definitivamente"

Segundo explica o edil socialista, tras recibir a proposta orzamentaria por parte de Fenosa (a obra que corresponde á eléctrica superaría os 20.000 euros, mentres que a do Concello ronda os 130.000), o enxeñeiro xefe da Oficina Técnica de Medio Ambiente, Infraestruturas e Enxeñería (OTMAIES) do Concello, Jesús Gómez Viñas, mantivo coa empresa reunións de carácter técnico e tamén sobre o terreo para pechar os detalles da actuación.

"Desbloqueada a situación, os servizos técnicos xa están a preparar os pregos de condicións para o deseño do proxecto e a execución da obra conforme ás indicacións de Fenosa. Quedan por diante os preceptivo trámites burocráticos, que tentaremos axilizar ao máximo, pero nuns meses poderemos iniciar xa os traballos", sinala Fernández.

Con esta intervención, "o transformador eléctrico quedará soterrado fóra da área das obras que se están a executar na rúa do Rouco, en fronte do colexio, polo que deixará de supoñer un perigo para a comunidade educativa definitivamente".

Comentarios