O Concello impulsa o ritmo das melloras urbanas en Marcón, Campañó e Mourente

Os traballos previstos nestas tres parroquias até mediados do mes de agosto incluirán as pavimentacións incluidas nos proxectos, así como as canalizacións das augas pluviais
Módulo preparado para a súa instalación na Ponte da Peralba. DP
photo_camera Módulo preparado para a súa instalación na Ponte da Peralba. DP

O verán non impide que as obras nas parroquias de Pontevedra continúen o seu curso. Tal e como indica o concelleiro e coordinador do Rural, Alberto Oubiña, neste intre estase a actuar dentro do contrato de tres millóns de euros realizado polo Concello de Pontevedra en tres lugares distintos: Campañó, Mourente e no lugar de Peralba, en Marcón.

No caso dos traballos que se están a acometer na parroquia de Campañó, as actuacións están bastante avanzadas e xa se están facendo as tiras e os sobreanchos laterais, quedando pendente, ao longo destas vindeiras semanas, a pavimentación do primeiro tramo que se está a rehabilitar.

Doutra banda, en Mourente estase a actuar en Casas Novas e Carabelos, na estrada paralela a N-541, mellorando a canalización de pluviais, unha obra xa case rematada. Tamén se están realizando os traballos previos á pavimentación "que calculamos que se realicen no mes de setembro, logo das vacacións de verán dos traballadores da empresa", sinala Oubiña.

Na Peralba os traballos tamén están bastante avanzados, cunha actuación extensa na ponte de acceso ao lugar. Esta ponte foi desfeita case completamente, e xa foron instalados os módulos que permiten a circulación da auga, traballar por riba, preparar o terreo e ter unha base para toda a actuación prevista. Neste punto en concreto a vía poderá ser máis ancha no futuro grazas á cesión dun particular, de preto de 12 metros, o que permitirá unha mellor circulación e máis segura na zona.

Cómpre lembrar que esta actuación forma parte dunha serie de traballos que van desde a estrada de Ponte Caldelas até o propio nucleo de Peralba.

"As obras continuarán até mediados do mes de agosto, e agardamos, aínda que quede sen rematar a obra, deixar habilitado o acceso para a veciñanza, ese é o obxectivo co que estamos a traballar agora", explica o edil responsable do Rural no Concello de Pontevedra.

Comentarios