O Concello inicia o acondicionamento do mobiliario urbano da praza de Galicia

Estase tamén a revisar o paseo peonil de Beiramar para reparar os desperfectos que se atopen
O Concello tamén revisa o paseo peonil de Beiramar nestes días. DP
photo_camera O Concello tamén revisa o paseo peonil de Beiramar nestes días. DP

A Concellaría de Sostemento de Espazos Públicos Urbanos, xestionada por Eva Vilaverde, continúa cos traballos de posta a punto de determinados espazos da cidade nos que se prevé se incremente o seu uso coa chegada do bo tempo, como é o caso da praza de Galicia. Nesta zona, estase a proceder á revisión e arranxo da totalidade dos bancos, traballos que deron comezo o pasado xoves.

Esta actuación supón lixar todos os bancos, substituír as táboas ou elementos que estean en mal estado e volver a pintalos. Dos aproximadamente 40 bancos da praza de Galicia, veñen de retirarse 25 para reparalos nun taller ante a previsión de choiva anunciada para a fin de semana. Está previsto que ao longo da vindeira semana, segundo se vaian acondicionando se vaian colocando de novo na súa ubicación orixinal para pasar a revisar e arranxar os que faltan.

Estas tarefas veñen sumarse aos traballos habituais de revisión de itinerairos peonís que continúan de xeito ordinario por toda a cidade, con especial incidencia nas rúas de preferencia peonil, co obxecto de subsanar todos os desperfectos ocasionados polo uso, a climatoloxía ou outros factores. Precisamente na contorna da praza de Galicia, na rúa Augusto García Sánchez, se realizara a comezos de ano o mantemento preventivo coa reparación e substitución de 250 lousetas.

Desde a área de Sostemento de Espazos Públicos, deuse comezo en abril a unha revisión do paseo peonil de Beiramar co obxecto de ter acondicionado un dos itinerarios que máis volume de tránsito peonil soporta na cidade e que se prevé se incremente a partires da primavera.

Nesta zona, xa están arranxados os bancos do paseo da avenida de Marín situados a ambas marxes, e xa se revisaron as lousetas e substituíron as deterioradas no tramo comprendido entre a rotonda de Malvar e a ponte das Correntes.

Comentarios