O Concello inicia as obras na capela de San Amaro

Patrimonio autoriza os traballos de restauración, que inclúen a substitución da cuberta do cemiterio e o pintado do edificio

Celebración na capela de San Amaro. ARQUIVO
photo_camera Celebración na capela de San Amaro. ARQUIVO

O Concello de Pontevedra inicia este luns os traballos para restaurar a capela de San Amaro situada dentro do recinto mortuorio. Son traballos programados dende hai uns meses pero que estiveron agardando á autorización da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, dado que se trata dun ben protexido.

Desde o Concello de Pontevedra detállase que se trata dunha intervención "branda" que ten como obxectivo a restauración da cuberta do edificio, que será substituída para acabar coas goteiras actuais. Tamén se tratarán ás cerchas de madeira e se pintará o interior da capela.

ORZAMENTO. O investimento previsto para este proxecto é de 30.000 euros e a obra dispón un prazo de execución dun mes, se o tempo acompaña, xa que boa parte dos traballos hai que realizalos no exterior.

A Capela de San Amaro é, en realidade, a capela de San Mamede de Moldes. Trátase dunha construción de orixe románica que no momento do traslado do cemiterio de Pontevedra á San Amaro (aberto en outubro de 1882), estaba situada no exterior do recinto en estado ruinoso.

Na década dos sesenta, a parroquia de San Amaro vive unha primeira ampliación e acórdase incluír a capela de San Mamede. Foi restaurada e nela oficiouse a primeira misa de Defuntos no ano 1967. Dende ese momento, o Concello realiza periodicamente tarefas de mantemento e de restauración do edificio relixioso cando resulta necesario.

Comentarios