O Concello inicia obras nas parroquias do rural cun orzamento de tres millóns

Mourente e Campañó xa acollen traballos de mellora que se extenderán a Lérez, Ponte Sampaio, A Canicouva, Lourizán e Marcón
undefined
photo_camera Inicio de obras acometidas esta semana en Mourente. DP

Nesta pasada semana, o Concello de Pontevedra puxo en marcha a execución do contrato de tres millóns de euros que ten como obxectivo realizar actuacións de mellora en sete parroquias do rural pontevedrés, a saber: Ponte Sampaio, A Canicouva, Lérez, Lourizán, Mourente, Marcón e tamén Campañó.

Foron Mourente e Campañó as primeiras parroquias en ver iniciados estes traballos, moi necesarios para achegar a calidade urbana presente no centro da Boa Vila aos residentes nas numerosas parroquias, que se contan por milleiros.

Concretamente, en Mourente, xa poden ser vistas as actuacións no lugar do Pazo, que inclúen canalizacións de pluviais e a reparación de diferentes puntos así como as conexións das acometidas de auga ás vivendas que estaban aínda pendentes.

En Campañó, pola súa banda, as actuacións inclúen a execución dos muros de contención, reforzo dos mesmos e ampliación da calzada no lugar de Sabarís.

Nos dous casos trátase de traballos que non son moi visibles para a cidadanía pero si moi importantes, pois serven para mellorar de forma relevante os servizos en cada un dos citados lugares.

Nas vindeiras semanas, segundo explica o concelleiro e coordinador do rural, Alberto Oubiña, "continuaremos executando no resto de parroquias, comezando unha actuación que incrementa a cifra de investimento no rural, que neste mandato calculamos que superará os 100 millóns de euros". O bo tempo que se agarda a partires de agora será de axuda para que non se acumulen retrasos nas distintas obras que están proxectadas.

"Desde o Concello cremos que estas obras son necesarias para incrementar a calidade de vida da veciñanza que reside no rural, e facer das parroquias espazos máis atractivos, xa sexa para vivir ou traballar e desenvolver unha vida con normalidade", engadiu o concelleiro nacionalista Alberto Oubiña.

Leborei. Por outra banda, na xornada do sábado se celebrou unha reunión entre representantes do Goberno Local e os veciños do lugar de Leborei, en Cerponzóns, coa idea de resolver os problemas cos camións que se quedan atrapados alí. O Concello propuxo sinalizar a zona para o tránsito exclusivo de residentes e servizos.