sábado. 31.10.2020 |
El tiempo
sábado. 31.10.2020
El tiempo

O Concello instalará unha tirolina de máis de 20 metros no corazón de Monte Porreiro

A Praza de Europa, en Monte Porreiro, en 2016. ARQUIVO
A Praza de Europa, en Monte Porreiro, en 2016. ARQUIVO
O socialista Iván Puentes informou de que a nova instalación de lecer será instalada este ano

As pequenas e pequenos de Monte Porreiro terán á súa disposición este mesmo ano un novo xogo de aventura en pleno corazón do barrio: unha tirolina de máis de 20 metros de lonxitude que será instalada no parque da Praza de Europa, entre as rúas Bélxica e Alemaña, pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural.

O máximo responsable do departamento municipal, o edil socialista Iván Puentes, explicou que este novo elemento de lecer infantil foi contratado á empresa de carpintería Carpiglob SL "cun orzamento que ronda os 20.000 euros" e a previsión é que estea construído "nestes primeiros tres meses de 2020".

Na súa opinión, a tirolina “converterase sen dúbida nunha sensación para as nenas e nenos de Monte Porreiro, achegando un maior carácter de aventura e ilusión á oferta de xogos desta zona de Pontevedra e fomentando a superación, o desenvolvemento físico, a psicomotricidade e o fortalecemento saudable na infancia”.

O novo elemento de lecer estará construído en madeira e aceiro inoxidable de alta resistencia e terá un acceso mediante rampla, incorporando o correspondente valado de seguridade na contorna do xogo. "A madeira -suliña Iván Puentes- está certificada e foi producida e fabricada a través dun modelo de xestión forestal sostible. Asemade, conta cos tratamentos imprescindibles para garantir unha axeitada duración".

Tal e como indica o concelleiro do PSOE, a instalación desta tirolina enmárcase dentro das actuacións de mellora que o Servizo Municipal de Parques e Xardíns está a acometer nas áreas de xogo da urbanización de Monte Porreiro, "co obxectivo de acadar o mellor estado e calidade posible das mesmas".

A Concellería de Desenvolvemento Sostible destinou outros 24.000 euros a un proxecto que permitirá a renovación das zonas de lecer infantil da contorna do Mirador, a Praza de Europa e as rúas Irlanda e Portugal.

O Concello instalará unha tirolina de máis de 20 metros no corazón...
Comentarios