O Concello investirá 47.500 euros no novo parque de Mollavao

Melloras de accesibilidade, espazos de ocio e de lecer, xogos tradicionais y adaptación ao entorno son as apostas para o novo proxecto
2019122714382781924
photo_camera Infografía e planos do proxecto. DP

O barrio de Mollavao contará a partires de 2020 cun novo parque urbano debaixo da ponte da autoestrada AP-9, entre as rúas Rosalía de Castro e Simón Bolívar, grazas a un proxecto no que a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe o socialista Iván Puentes, investirá 47.572,65 euros. A actuación suporá a posta en valor e a mellora paisaxística e de accesibilidade da praciña situada entre a parada de autobuses e o circuíto de educación vial, incluíndo a creación dunha zona de lecer infantil con xogos tradicionais galegos pintados no chan.

O proxecto deseñado polo propio Servizo Municipal de Parques e Xardíns prevé converter a futura zona verde nun lugar de encontro da veciñanza, optimizando a súa capacidade de acollida coa instalación de distintos tipos bancos e bancadas en madeira e pedra. Asemade, mellorarase a comunicación coa contorna, facilitando a mobilidade neste espazo mediante camiños de acceso adaptados, e en particular a conexión entre a rúa Rosalía de Castro e a Casa do Mar. Segundo explica o concelleiro, a proposta do seu departamento plantexa a creación "dun espazo verde cos valores estéticos propios dun parque moderno, que por estar cuberto pola ponte da autoestrada, permitirá diversos usos en día de choiva, e que estará dotado dunha fermosa composición a nivel de xardinería e dunhas instalacións de rego que facilitarán a súa axeitada conservación".

O Goberno local traballa así para dar resposta ás demandas da veciñanza, que pedían obras urxentes en toda a contorna

O novo parque contará ademais cunha oferta de lecer baseada en xogos tradicionais galegos, pintados no chan, cos que "se pretende incentivar a imaxinación e creatividade dos máis pequenos e reivindicar que non se precisa de moitas cousas para xogar e pasalo ben, os nosos corpos e o que atopemos arredor: pedras, follas, paus, chapas de botellas ou envases usados".

No que se refire á composición paisaxística, crearanse dúas grandes zonas de plantación a nivel do chan duns 90 cm. de ancho, unha no lateral do parque que linda coa rúa Simón Bolívar e outra cara a beira oposta do espazo cara o norte. Estas zonas crearán unha envoltura verde en todo o espazo.

Comentarios