O Concello investirá 800.000 euros entre 50 clubes deportivos en 2023

A Xunta de Goberno aprobou a resolución de subvencións para o deporte local de base
Anabel Gulías trala Xunta de Goberno. DP
photo_camera Anabel Gulías trala Xunta de Goberno. DP

O deporte local recibirá máis de 800.000 euros en axudas aportadas desde o Concello. Así o confirmou a portavoz do goberno local, Anabel Gulías.

Os beneficiados destas subvencións serán as escolas deportivas municipais. Un total de 38 escolas de 36 clubs e 6 Anpas, que recibirán 250.000 euros, un investimento necesario para promover o deporte de base no municipio, segundo Gulías, e que inclúen as actividades deportivas inclusivas e de tódalas modalidades. Esta partida corresponde a resolución definitiva da convocatoria de subvencións para as actividades de iniciación deportiva que abrangue a tempada 2022 e 2023, polo tanto "xa se pode dicir que estamos ao día en relación co financiamento destas actividades", asegurou a edil.

Ademais desta contía, están pendentes de fiscalización as axudas que teñen que ver co financiamento anual dos clubs, un importe total de 300.000 euros dos que se beneficiarán 50 entidades. Esta achega corresponde coa anualidade de 2021. Sen embargo, a portavoz municipal anunciou que xa está iniciado o proceso administrativo para a partida de subvencións correspondente a 2022. Por último, Gulías sinalou que tamén se repartirán 270.000 euros en axudas destinadas á promoción e difusión da imaxe do Concello e que son otorgadas desde a sociedade de Turismo de Concello de Pontevedra. Este investimento pon en valor, segundo Gulías, a aposta pola promoción do deporte de base no Concello.

Proxectos

Doutra banda, o goberno local aprobou dúas prórrogas en dous contratos xa formalizados e en execución. A primeira é para o despregue dun centro de operacións de seguridade relacionado coa Administración electrónica, que se amplía por dous meses, polo que agárdase que o proxecto remate no mes de agosto. No caso da segunda prórroga, está relacionada co contrato de mantemento e desenvolvemento dunha ferramenta de novas tecnoloxías (TICs) para os consellos parroquiais, co fin de que teñan unha comunicación máis axil entre parroquias e promover a participación cidadá. Segundo Gulías está previsto que está ferramenta dixital comece a funcionar a mediados de abril.

A portavoz do goberno local tamén confirmou a aprobación da concesión da licenza urbanística de primeira ocupación relativa á fase primeira da ampliación do CIFP Carlos Oroza e está en tramitación para a autorización da segunda.

Apoio institucional aos traballadores da CRTVG

Anabel Gulías amosou o apoio do goberno de Pontevedra aos taballadores e traballadoras da CRTVG que tiveron o luns unha xornada de folga. "Sabemos das presións ás que están sometidas estas profesionais e consideramos que é intorable que un medio público teña que soportar en marzo de 2023 este tipo de presións propias doutra época". Gulías pediu á Xunta que volva a abrir a delegación que a CRTVG tiña en Pontevedra e que se deixe de "ningunear a nosa cidade. Temos moitas cousas que comunicar e moitas necesidades comunicativas que deben ser prestadas a través deste medio público. é un dereito que os veciños e veciñas teñan unha información máis próxima", afirmou Gulías.