O Concello lamenta o atraso dunha nova licitación das obras no Gran Montecelo

O Goberno local de Pontevedra agarda que a "dilación" sexa o máis curta posible "e se aproveite para reconducir outras deficiencias" 
Recreación virtual del futuro Gran Montecelo. DP
photo_camera Recreación do proxecto do futuro Gran Montecelo. DP

O Concello de Pontevedra lamentou este sábado a "dilación" que supón para o proxecto do Hospital Montecelo a decisión de realizar unha nova licitación das obras, anunciada este venres pola Xunta. "Nunca nos alegramos de que unha Administración cometa erros que supoñan o retraso na execución dun proxecto, e menos no caso dunha infraestrutura tan sensible como é o Hospital Montecelo", asegurou o concelleiro de Ordenación do Territorio e Mobilidade, César Mosquera

Neste sentido, espera que esta nova licitación "sexa só un pequeno retraso e se aproveite para reconducir tamén outras deficiencias", en referencia a que no proxecto do Hospital Gran Montecelo "hai cantidade de cousas que non responden aos parámetros de Pontevedra, como por exemplo a urbanización, e outras que deixan moito que desexar como as expropiacións ou os estacionamentos". 

"Agardemos que nesta lexislatura que está a piques de comezar, o Goberno galego teña un cambio de actitude e comece a facer as cousas mellor", indicou César Mosquera unha vez coñecido que a Xunta tomou a decisión de volver a licitar as obras baseándoa nunha revisión en profundidade do proxecto. O concelleiro lembrou que nos proxectos que precisan da colaboración entre a Administración autonómica e a municipal, desde o Concello "sempre tratamos de ser o máis transixentes, tolerantes e construtivos para sacar as obras adiante" e citou como exemplo desa colaboración a remodelación da estación de autobuses que se está levando a cabo na actualidade. 

A partir de aí, o Goberno municipal di botar en falta o mesmo tipo de actitude por parte da Xunta noutras ocasións, como por exemplo no trazado da variante de Alba, onde había un acordo para facer unha vía aberta e a Xunta presentou o trazado dunha vía pechada que destroza o territorio.

En todo caso, César Mosquera espera que na vindeira xuntanza entre Miguel Anxo Fernández Lores e Alberto Núñez Feijoo —e que o alcalde pontevedrés xa solicitou por carta— se aborden este tipo de cuestións e se acheguen posturas para que a opinión e o criterio técnico dos servizos municipais "sexan tidos en conta nos proxectos que impliquen a ambas administracións".

Comentarios