martes. 02.03.2021 |
El tiempo
martes. 02.03.2021
El tiempo

O Concello leva o Efecto PO2 a citas internacionais en Londres, Grenoble e Évora

Imaxe da rúa Peregrina. RAFA FARIÑA
Imaxe da rúa Peregrina. RAFA FARIÑA
Anabel Gulías destaca a importancia destes eventos para situar Pontevedra no mapa e atraer turismo á cidade durante a recuperación
Londres, Grenoble ou Évora son algunhas das cidades que se interesaron polo modelo Pontevedra no primeiro semestre de 2021. Así o anunciou este luns a portavoz do Goberno local, Anabel Gulías, tras a Xunta de Goberno celebrada no Concello. Deste xeito, representantes municipais levarán o coñecido como Efecto PO2 a diferentes citas internacionais ao longo dos vindeiros meses.

O primeiro dos encontros terá lugar en Lugo, onde o propio Concello e a asociación ecoloxista Adega organizan un encontro sobre mobilidade amable coas persoas. Ademais do alcalde de Pontevedra, participarán no acto a presidenta de Adif, Isabel Pardo de Vera, a presidenta da Rede Cidades que camiñan, Ana Montalbán, e o enxeñeiro técnico de Obras Públicas, Xosé Carlos Fernández. O encontro está fixado para o vindeiro xoves, 25 de febreiro.

Entre as citas internacionais, o 18 de marzo Pontevedra estará presente no foro National Walking Summit 2021 organizado por Living Streets, unha entidade benéfica con sede en Londres. "É un encontro que busca respostas a como asumir os retos das cidades ante a pandemia", explicaba este luns Anabel Gulías, que estará xunto ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, na capital inglesa. A ponencia dos representantes versará sobre como as cidades poden axudar a abordar a emerxencia climática amosando o caso de Pontevedra.

A Boa Vila estará presente tamén na bienal Cities in Transition na cidade de Grenoble (Francia), que celebra a súa terceira edición baixo o título The time of the essential. Na conferencia protagonizada por Pontevedra abordarase a transformación vivida no centro da urbe dende as primeiras peonalizacións e a limitación do tráfico a motor, así como os retos actuais para o modelo de cidade. Ademais do cambio a nivel urbanístico, repasaranse tamén as implicacións a nivel ambiental, económico e social desta transformación. A cita celebrarase entre os días 1 e 4 de abril.

O terceiro dos convites internacionais, chega desde Évora para participar, o 3 de xuño, nunha xornada sobre A mobilidade urbana e a accesibilidade como factores de desenvolvemento sustentable. Neste caso, abordaranse cuestións relacionadas coa política de mobilidade urbana como factor de desenvolvemento, e a importancia da accesibilidade para todos os espazos culturais e patrimoniais.

Anabel Gulías destacou o valor de Pontevedra como cidade "que soubo levar á praxe un modelo teórico no que todo o mundo conflúe". Neste sentido, o cambio cara a un modelo máis sustentable e amable coas persoas segue a suscitar interese en foros de todo o mundo ante a evidencia da emerxencia climática.

Por outra parte, a portavoz do Goberno tamén destacou que a participación nestes foros axuda a posicionar Pontevedra a nivel internacional, unha visibilidade que acadan poucas cidades a nivel galego, pero tamén a nivel español e que é fundamental á hora de atraer turismo nun momento de recuperación da crise e reactivación económica.

O Concello leva o Efecto PO2 a citas internacionais en Londres,...
Comentarios
ç