domingo. 22.09.2019 |
El tiempo
domingo. 22.09.2019
El tiempo

O Concello mantén a oferta á Xunta de terreos para unha residencia como hai 6 meses

César Mosquera. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
César Mosquera. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

"Segue existindo toda a vontade de colaborar o máximo posible", afirmou César Mosquera

O Concello de Pontevedra lembra que segue mantendo a oferta que lle trasladou ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, o pasado 22 de outubro de 2018 para a construción dunha nova residencia da terceira idade na cidade. Os terreos para edificar este novo equipamento público na cidade poden ser tanto da Xunta como do propio Concello, que pon a disposición parcelas en Tafisa, Valdecorvos, na Parda –antigos terreos do Carlos Oroza– e na rúa da Barca.

O concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera explicou este sábado que a Consellería de Política Social terá que enviar ao Concello os requisitos que esixe para un equipamento destas características e buscar a parcela máis acaída. Ademais, tamén instou a que sexan os técnicos da Xunta os que se poñan en contacto cos municipais para falar do tema.

César Mosquera informou que o Concello recibiu unha carta da Consellería de Política Social o mércores, 17 de abril, en vésperas da Semana Santa, na que se solicitaba un terreo para a construción dunha residencia. Vinte minutos despois o Concello contestaba a ese correo electrónico recordando o ofrecemento que o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores lle fixera a Alberto Núñez o pasado 22 de outubro, e lembraba toda a disposición para colaborar neste proxecto.

Naquel momento o presidente da Xunta trasladáballe ao alcalde, as negociacións que estaba mantendo coa congregación propietaria do asilo para reabrilo como residencia da terceira idade.

Desde ese contacto, o Concello lembra que non volveu ter máis novas do interese da Xunta ata a carta do pasado mércores.

Desde o Concello, Mosquera asegurou que "agardemos que a Xunta vaia en serio, porque se lle interesa, o Concello ten toda a vontade en colaborar o máximo posible". Lembrou que a Xunta dispón de toda a documentación dende o pasado 22 de outubro.

O Concello mantén a oferta á Xunta de terreos para unha residencia...
Comentarios