jueves. 22.10.2020 |
El tiempo
jueves. 22.10.2020
El tiempo

O Concello de Pontevedra completa a solicitude para a cesión dos xardíns da Uned

Visita de edís socialistas ós xardíns da Uned. ARQUIVO
Visita de edís socialistas ós xardíns da Uned. ARQUIVO
Tino Fernández explica que se trata do “primeiro paso formal en firme para facer realidade o proxecto da Concellería de Medio Natural de abrir o parque para o uso e desfrute da veciñanza”

O alcalde accidental, Tino Fernández, asinou esta mañá a solicitude que o Concello de Pontevedra remitirá á Xunta Reitora da Uned para acadar a cesión de uso dos xardíns do centro asociado de Monte Porreiro. Tal e como apunta o socialista, "trátase do primeiro paso formal en firme adoptado polo Goberno local para facer realidade o proxecto da Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural de abrir este valioso parque para o uso e desfrute da cidadanía, en especial para os veciños do barrio".

No escrito solicítaselle ao Patronato da Universidade a Distancia en Pontevedra “unha cesión de uso ou a fórmula xurídica que a Uned atope máis axeitada, que permitan iniciar os trámites administrativos dirixidos a materializar unha apertura e mellora do parque co fin de posibilitar o seu uso pleno pola veciñanza de Pontevedra, así como para unha óptima conservación e mantemento deste valioso espazo verde”.

A petición escrita polo concelleiro de Desenvolvemento Sostible suliña o “gran valor paisaxístico” dos xardíns do centro asociado, “con exemplares arbóreos centenarios impregnados da historia de Pontevedra dende a Granxa de Monte Porreiro”. “Se ben este espazo pode ser visitado pola veciñanza a través da entrada existente cara ao aparcadoiro, é vontade desta Concellería que a inserción do parque na cidade e no barrio sexa maior [...] Entendemos apropiada a apertura dun acceso dende a zona máis próxima á urbanización, así como o acondicionamento do parque para mellorar aqueles aspectos que se estimen oportunos”, sinala Iván Puentes no texto de solicitude.

Ao seu xeito de entender, “este parque, sumado á zona verde do Miradoiro, ofrece enormes posibilidades dende o punto de vista didáctico e de educación ambiental: xestión de residuos e compostaxe, horticultura, ecoloxía, ciencias forestais, etc.”.

O Concello de Pontevedra completa a solicitude para a cesión dos...
Comentarios