Pontevedra instalará catro novos centros de compostaxe en A Parda e Valdecorvos 

O Concello destaca o "elevado uso" que os veciños están a facer deles durante o confinamento
Un usuario dun composteiro vertendo residuos orgánicos no seu interior. DAVID FREIRE
photo_camera Un usuario dun composteiro vertendo residuos orgánicos no seu interior. DAVID FREIRE

O Concello de Pontevedra instalará nos vindeiros días catro novos centros de compostaxe comunitaria no barrio de A Parda e en Valdecorvos.  

A concellaría de xestión dos residuos, que dirixe Raimundo González, acordou acelerar a instalación destes composteiros dado "o elevado uso" que os veciños de Pontevedra están facendo dos xa instalados neste período de confinamento.

Dos catro novos composteiros comunitarios, dous completarán as unidades agora instaladas en Pintor Laxeiro (A Parda) e na Praza das Regas (Valdecorvos); e se incorporan dous espazos novos no barrio da Parda: a rúa Pintor Maruxa Mallo e a rúa Antón Losada Diéguez. Todos eles serán centros de compostaxe de 10 módulos cada un.

A gran produción que se está a xerar nos composteiros comunitarios demostra, segundo indica o Concello, "o grao de compromiso que a veciñanza ten no sistema de tratamento e reutilización dos residuos orgánicos". De feito, durante o mes de confinamento e até o pasado luns, os composteiros comunitarios instalados na zona urbana trataran arredor de 55 toneladas de biorresiduos. 

Nestes momentos o Concello de Pontevedra ten instalados na zona urbana composteiros comunitarios nas rúas Eduardo Pondal (2), Ponte Boleira (2), Camiño de Ferro (2), Pintor Laxeiro (1), Rúa dos Soutos (1), Praza das Regas (1) e Rúa de Prado Novo (2). No barrio de Monte Porreiro existe un centro comunitario nas rúas Alemaña, Europa e Italia. E a estes engádese, agora, os catro máis previstos en Pintor Laxeiro, Praza das Regas, Pintora Maruxa Mallo e Rúa Antón Losada Diéguez.