O Concello de Pontevedra investirá máis de 320.000 euros en melloras en Lourizán e Marcón

Demetrio Gómez e Alberto Oubiña presentarán os proxectos á veciñanza en sendas reunións

As áreas de O Rial e O Outeiro, en Lourizán. DP
photo_camera As áreas de O Rial e O Outeiro, en Lourizán. DP

Os concelleiros Demetrio Gómez e Alberto Oubiña presentaron este mércores dúas actuacións demandadas polos consellos parroquiais en Lourizán e outra en Marcón, que suporán un investimento de máis de 300.000 euros. En primeiro lugar, segundo explicou o Concello nun comunicado, vanse investir 160.350 euros na rehabilitación e asfaltado das vías de O Outeiro e O Rial.

"Son traballos moi complexos, xa que son dúas zonas densamente poboadas e que gardan as trazas propias dunha parroquia mariñeira con camiños moi estreitos", sinalou Gómez, que presentará este xoves á veciñanza o proxecto, "aínda non pechado". Entre as dificultades da obra, o consistorio cita calzadas de dous metros, 63 tapas de rexistro nun camiño (unha cada 15 metros) ou terreos que non se poden fresar porque teñen pedra debaixo.

Quedan cuestións pendentes de definir como a zona de aparcamento. Ademáis, Gómez compartirá cos veciños información "sobre cuestións que poden afectar a obra e as propiedades como, por exemplo, a localización exacta de tubos privados de auga", na reunión que terá lugar ás 20.00 horas no centro parroquial de Lourizán.

A Peralba. DPMARCÓN. Polo que respecta á actuación na Peralba-Marcón, o investimento previsto é de arredor de 165.000 euros. A redacción deste proxecto foi en paralelo a pequenas actuacións na zona, segundo explica o concelleiro delegado da parroquia, Alberto Oubiña.

Os traballos previstos na Peralba inclúen novo pavimentado en 900 metros lineais de estrada, 500 metros de canalización de augas pluviais, a instalación de medidas de calmado de tráfico e seguridade, como a colocación de varandas nalgúns tramos, e sinalización. Oubiña presentará o proxecto á veciñanza e recollerá suxestións nunha reunión convocada para o vindeiro venres 9 de novembro, ás 18.15 horas na Casa parroquial de Marcón. 

Comentarios