jueves. 09.12.2021 |
El tiempo
jueves. 09.12.2021
El tiempo

O Concello premiará con 1.500, 1.000 e 500 euros os mellores escaparates de Nadal

Escaparate premiado na anterior edición. DP
Escaparate premiado na anterior edición. DP
O certame contempla o sorteo de dez vales de 50 euros entre os cidadáns que voten en redes ►Os comercios que desexen participar deberán inscribirse antes do 15 de decembro

A Concellería de Promoción Económica e Turismo convoca un  Concurso  de  Escaparates  de  Nadal  con  premios  de 1.500, 1.000 e 500 euros para os tres primeiros clasificados e un sorteo de vales  de  50  euros  entre  os  cidadáns  que  elixan  os  seus  decorados favoritos  votando  nas  redes  sociais.  Con  esta  iniciativa,  impulsada  a través da plataforma #PonteLovers en colaboración coa firma Pontevedra Digital,  preténdese  dinamizar  a  actividade  comercial e  implicar  aos  establecementos  da  cidade  na  confección  de propostas orixinais e creativas.

"Con este certame queremos animar á veciñanza e aos turistas a realizar as  súas  compras  no  comercio  de  proximidade  e  promover  a  creatividade dos  comerciantes  á  hora  de  presentar  os  seus  escaparates  e  produtos, contribuíndo á reactivación económica de cara á importantísima campaña de  Nadal",  asegura  a concelleira socialista Yoya  Blanco.  

Poderán  participar  tódolos  establecementos  minoristas  comerciais  e negocios de servizos radicados no concello de Pontevedra, con escaparates  visibles  desde  a  vía  pública,  sen  limitación  de  número  e  sen distinción  algunha  por  razón  da  súa  actividade  ou  titular.  No  caso  de  que unha mesma persoa propietaria desexe participar con máis dun establecemento, deberá presentar unha solicitude por cada un dos diferentes escaparates que opten aos premios.

primerpremioNalatcha"O  único requisito  será  desenvolver  decorados  coa  temática  do  Nadal,  con  total liberdade en canto á súa interpretación, deseño, técnica e estilo", explica a concelleira  de  Promoción  Económica. "Á hora de valoralos teranse en conta aspectos como a integración dos produtos á venda;  a  composición  do  escaparate  e  a  súa  adaptación  á  temática  do Nadal;  a  harmonía  das  gamas  cromáticas,  formas,  texturas  e  o  emprego prioritario de técnicas sostibles, de materiais de refugallo ou de elementos naturais; a interacción co público; a invisibilidade dos elementos auxiliares precisos para a súa construción, e o grao estimado de traballo empregado na conformación do escaparate final", engadiu Blanco.

Os establecementos comerciais interesados en participar deberán presentar obrigatoriamente a solicitude por medios electrónicos antes das 15.00  horas  do  mércores  15  de  decembro  a  través  do  correo  electrónico [email protected], precisando o nome do titular, o  nome  do  establecemento,  un  medio  de  contacto  e  unha  memoria explicativa do concepto de escaparate, así como das técnicas ou materiais utilizados na súa execución (acompañada de fotografía se a tivesen). Os participantes comprometeranse a manter os escaparates decorados e visibles  ao  público  ata  o  6  de  xaneiro  de  2022  e  tamén  a  manter  os establecementos iluminados e nas condicións que permitan que o xurado poida visualizar claramente os escaparates.

Aos comercios inscritos neste concurso  de  escaparatismo  de  Nadal  faráselles  entrega  dun  logotipo  de identificación, que colocarán obrigatoriamente e que deberá ser ben visible desde o exterior do escaparate.

Segundo apunta Yoya Blanco, neste certame "establécense dúas categorías de premios: por unha banda, os outorgados por un xurado que eu  mesma  presidirei  sen  voto  e  que  estará  integrado  por  profesionais  de recoñecido  prestixio  nas  áreas  do  deseño,  o  márketing,  a  promoción comercial, o escaparatismo, a fotografía ou o deseño de interiores; e pola outra,  os  premios  do  público,  concedidos  mediante  votación  cidadá  a través do enlace Vota o teu Favorito de Easypromos, que se difundirá na web  do  Concello  de  Pontevedra  (Pontevedra.gal)  e  nas  súas  redes,  así como nas da plataforma #PonteLovers".

De entre tódolos escaparates presentados, os membros do xurado realizarán  unha  selección  de  10  finalistas  entre  os  días  16  e  o  26  de decembro,  da  que  se  decidirán  os  3  escaparates  premiados  unha  vez sumada a votación online. A cidadanía poderá efectuar as súas votacións sobre os 10 finalistas entre os días 28 de decembro e 6 de xaneiro.

Os  gañadores  do  Concurso  de  Escaparates  de  Nadal  2021  e  os  premios obtidos polos votantes daranse a coñecer o 7 de xaneiro 2022 mediante a súa publicación na páxina web do Concello de Pontevedra.

O Concello premiará con 1.500, 1.000 e 500 euros os mellores...
Comentarios
ç