martes. 20.10.2020 |
El tiempo
martes. 20.10.2020
El tiempo

O Concello propón unir a senda Vilagarcía-Portas coa futura vía verde ata Arcade

De esquerda a dereita, Tino Fernández, Iván Puentes e Quique Pérez. GONZALO GARCÍA
De esquerda a dereita, Tino Fernández, Iván Puentes e Quique Pérez. GONZALO GARCÍA
O edil de Medio Natural, Iván Puentes, pon enriba da mesa un plan para aproveitar a ruta xacobea e outras vías usadas polos ciclistas

Acadar unha senda verde entre Pontevedra e Arcade para uso peonil e ciclista é o que levou ó colectivo Pedaladas a sentar co representante municipal de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural. Iván Puentes puxo sobre a mesa unha proposta para deseñar, en colaboración co colectivo ciclista, a ruta que permitirá unir a senda Vilagarcía de Arousa-Portas coa futura vía verde entre Pontevedra e as parroquias de Ponte Sampaio (Pontevedra) e Arcade (Soutomaior) a través da antiga ponte ferroviaria sobre o Lérez, a ruta xacobea e outros camiños preexistentes empregados polos ciclistas.

No encontro, no que tomou parte o tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, participou o voceiro de Pedaladas, Quique Pérez, quen recolleu a luva da proposta e se comprometeu a trazar un bosquexo dos roteiros que permitirían salvar os aproximadamente 17 quilómetros que separan Portas de Lérez.

Tal e como constatou Puentes, salvo no treito da Portela (Barro), entre ambas as dúas localidades "non hai practicamente ningunha zona de vía vella de ferrocarril que estea en desuso", pero "si que a través do Camiño de Santiago, doutros camiños forestais, vías e infraestruturas preexistentes, é posible chegar ata Pontevedra e proxectar a inserción nesa futura senda verde ata Ponte Sampaio e Arcade da antiga ponte do ferrocarril entre Lérez e Monte Porreiro, que xa temos cedida ao Concello e que imos poñer en valor, e finalmente conectala coa Estación de Trens da cidade".

"Poder conquerir a vía verde entre Pontevedra e Arcade é un obxectivo importante, pero cremos que hai que darlle un sentido moito máis amplo. Temos aquí ao lado aos concellos de Vilagarcía de Arousa, Portas e Caldas, que están a traballar moi activamente nesa fantástica idea da vía verde ata Portas, e a nós gustaríanos conectala coa futura senda verde a Arcade. Para iso, xa que eles coñecen perfectamente tódalas trazas de camiños antigos, pedímoslle a Pedaladas que nos axude cunha proposta que sexa asumible para o tráfico ciclista e peonil", explicou o concelleiro de Desenvolvemento Sostible.

SATISFACIÓN. Pola súa banda Quique Pérez amosouse "contento" de que se vaian dar os primeiros pasos de cara a destinar a vella ponte do tren de Monte Porreiro a tránsito peonil e ciclista e que tamén se plantexe a conexión entre Portas e Lérez, xa que "a pesar de ser un tramo pequeno, converterase nun elemento básico para facer unha futura vía verde entre Vilagarcía e Vigo".

Tal e como avanzaron os concelleiros do PSOE Tino Fernández e Iván Puentes ao voceiro da asociación Pedaladas, a Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Desenvolvemento Sostible xa solicitaron encontros con Renfe e coa Administración de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) en Madrid "para ver se desbloqueamos dunha vez por todas a cesión das vías do ferrocarril ao Concello e podemos poñer en marcha o proxecto de creación dunha senda verde ciclista e peonil entre Pontevedra e Arcade".

O Concello propón unir a senda Vilagarcía-Portas coa futura vía...
Comentarios