O Concello reabre o luns ao público as praias do Lérez, Ponte Sampaio e Os Praceres 

Os grupos non poderán superar as 15 persoas ► O Concello apela ao "sentidiño" da cidadanía e advirten de que a Policía "vixiará calquera exceso"
Dos socorristas en la playa fluvial del Lérez. ARCHIVO
photo_camera Dous socorristas na praia fluvial do Lérez. ARCHIVO

As concellerías de Desenvolvemento Sostible e do Rural acordaron reabrir ao público o luns, coincidindo coa entrada de Pontevedra na fase 2 da desescalada, as praias do Lérez, Ponte Sampaio e Os Praceres.

Os seus responsables, Iván Puentes e Alberto Oubiña, instalarán nos areais uns paneis informativos nos que se recollerán as normas de utilización, entre elas a necesidade de manter distancia mínima de seguridade de 2 metros, tanto en terra como na auga, e de que os grupos non superen as 15 persoas. Conscientes do incremento de temperaturas que anuncian as previsións meteorolóxicas, o edís apelan ao "sentidiño común" dos cidadáns e pídenlles "que gradúen na medida do posible a súa volta ás praias, para que, ao contrario do que aconteceu cando se aliviaron as medidas de desconfinamento e se reabriron as zonas verdes, non se produzan aglomeracións nos primeiros días”. En todo caso, o Concello de Pontevedra confía plenamente en que "os pontevedreses seguirán a manter a responsabilidade e o comportamento exemplar que amosaron dende o inicio do estado de alarma” e advirte de que a Policía Local “vixiará que non se produzan excesos nesta volta aos areais".

Entre as normas de obrigado cumprimento, que se recollen nas ordes SND 414/2020 de 16 de maio e SND/422/2020 de 19 de maio do Ministerio de Sanidade, inclúese a prohibición de uso das duchas e fontes de auga, así como o mantemento da distancia de seguridade dentro dos grupos entre as persoas que non compartan domicilio ou, no seu defecto, a adopción de medidas alternativas de protección física, tanto de hixiene de mans como respiratorias (uso de máscaras cubrebocas).

En xeral, sempre que non sexa posible manter a distancia de seguridade de 2 metros, as persoas de 6 anos en adiante deben usar máscaras cubrebocas , agás cando medicamente teñan desaconsellado o seu uso. Tódolos obxectos persoais, como toallas, deben permanecer dentro do perímetro de seguridade de dous metros, evitando o contacto co resto de usuarios.

ACTIVIDADES DEPORTIVAS E DE LECER, INDIVIDUALMENTE. Permitirase a práctica de actividades deportivas e de lecer, sempre que se poidan desenvolver individualmente, sen contacto físico e gardando os 2 metros de distancia de seguridade. Ante calquera síntoma compatible coa Covid-19 deberase abandonar a praia (nos carteis informativos figurarán os teléfonos de Emerxencias 112 e de información sobre o coronavirus: 900 400 116).
 

Comentarios