O Concello de Pontevedra realiza as 'probas médicas' das 91 árbores da Alameda

Os edís socialistas Iván Puentes e Yoya Blanco supervisan os traballos sobre os posibles 'vicios ocultos' dos plátanos, carballos, tilos e álamos mediante resistógrafos
Blanco e Puentes supervisan os traballos na Alameda. DP
photo_camera Blanco e Puentes supervisan os traballos na Alameda. DP

As árbores de gran porte da Alameda de Sesmero están a ser sometidas a unhas exhaustivas probas médicas que abranguen un exame visual en profundidade e o emprego de resistógrafos (aparellos que miden a resistencia á penetración) e que permitirán coñecer con precisión o seu estado de saúde, posibles vicios ocultos e factores de risco.

Este estudo avanzado de avaliación de riscos, que están a desenvolver os técnicos da empresa Arbogal coa colaboración do experto portugués Pedro Ginja, levarase a cabo nun total de 91 exemplares (50 plátanos de sombra, 14 carballos do país, 8 carballos americanos, 16 tilos e 3 álamos) e servirá para elaborar unha minuciosa base de datos dos mesmos, incluíndo a súa xeolocalización e emprazamento sobre plano.

Os traballos de medición cos resistógrafos foron supervisados de preto polo concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes; a concelleira de Turismo, Yoya Blanco, e o xefe do Servizo de Parques e Xardíns, Manuel Fontán, que recibiron unha clase rápida sobre o seu funcionamento por parte do xerente de Arbogal, Faustino Meis, e do propio Pedro Ginja, estreito colaborador da firma galega.

Tal e como lembrou o edil do PSOE, "un dos obxectivos do Concello neste mandato é recuperar a Alameda como espazo de centralidade da cidade e recobrar a súa maxestuosidade", cunha preocupación constante pola seguridade da cidadanía "vencellada á saúde das árbores que hai neste parque".

"Coa finalidade de poder gozar dun espazo 100% seguro, esta sorte de TAC das árbores da Alameda permitirá reducir ata a mínima expresión, as posibilidades de risco de caídas de pólas e árbores. Estamos nun espazo natural onde o risco cero é imposible, pero desde logo si que está nas nosas mans, e o queremos facer, minimizar ao máximo este risco e, a partir de aí, poder xa iniciar os traballos de recuperación absoluta desde o punto de vista natural, estético e de uso deste espazo central da cidade”, asegurou Iván Puentes.

O xerente de Arbogal constatou que este exame médico contempla unha Visualización Técnica do Arborado (VTA) previa, se ben "hai árbores que visualmente poden ter mal aspecto e ser seguras e outras que non presentan ningún síntoma visual grave e acaban colapsando", polo que os resistógrafos se converten en ferramentas moi útiles e precisas.

Segundo precisou Faustino Meis, "o aparello empregado é de última xeración e mide a resistencia e penetrabilidade cunha broca de 3 milímetros, facendo unha incisión completamente inocua para unha árbore". "Ofrece uns datos moi interesantes, con claridade absoluta, sobre os centímetros de madeira que as árbores teñen sa, dura, debilitada ou empodrecida, e as barreiras que as árbores fan contra os fungos. Estes datos van rexistrados nun software, onde se completa o estudo", apunta Meis.

COMO UNHA OBRA DE ARTE. Pola súa banda, Pedro Ginja, que xa traballara xunto con Faustino Meis en importantes estudos levados a cabo nas illas lusas de Madeira e Açores, incidiu en que "ao igual que un edificio, unha obra de arte, unha estrada ou unha ponte precisan un traballo e un proceso de mantemento, o mesmo acontece coas árbores". "Este proceso pasa pola monitorización, visualización e acompañamento diario das árbores e, en situacións determinadas, o uso doutros equipamentos de resistografía ou tomografía (obtención de imaxes por seccións)", afirmou o experto.

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural pretende que, a partir desta diagnose de posibles patoloxías, podremias ou pólas en mal estado, se confeccione unha base de datos con fichas individuais de cada un dos exemplares. Unha vez que se remate o estudo, o departamento que dirixe Iván Puentes, que xa executou traballos de poda nas pasadas semanas, seguirá adiante, efectuará as talas e eliminación de exemplares que se consideren oportunas de cara a evitar situacións de risco e caídas súbitas, como a acontecida cun plataneiro de máis de 100 anos a principios de setembro de 2020.

Esta avaliación do estado de saúde das árbores resulta ademais esencial de cara a planificar axeitadamente o proxecto para devolverlle á Alameda de Sesmero a imaxe nobre e maxestosa que presentaba cando foi concibida, na segunda metade do século XIX.

Comentarios