O Concello de Pontevedra reclama ao Sergas a reapertura do consultorio médico de Ponte Sampaio

Lamenta que a retirada do persoal do centro obriga a poboación da parroquia a trasladarse
Consultorio de Ponte Sampaio. ARQUIVO
photo_camera Consultorio de Ponte Sampaio. ARQUIVO

O Concello de Pontevedra reclama que o Sergas reabra o consultorio médico de Ponte Sampaio, que presenta como unha "necesidade urxente" despois de que o peche provocase "alarma" entre os veciños da parroquia. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, contactou en dúas ocasións co Servizo Galego de Saúde para trasladar a demanda.

A través dun comunicado, o goberno local explica que desde o inicio do estado de alarma —declarado o 14 de marzo— o Sergas decidiu retirar o facultativo do consultorio e manter a atención cun auxiliar de enfermería. Estivo ata a este luns, cando "se retirou" a presenza deste profesional encargado de facer certas probas entre a poboación da zona.

O Concello asegura que veciños da parroquia amosaron a súa "preocupación", "dado que obriga a toda a poboación a trasladarse a Pontevedra para esta atención primaria, nun momento no que se deberan respectar ao máximo as medidas de confinamento domiciliario e evitar traslados deste tipo". 

Comentarios