O Concello recorrerá a sentenza que califica o cese de Pilar Portela de despido improcedente

O caso da exxerente do Pazo da Cultura chegará ao TSXG por "incoherencias", segundo Fouces
Pilar Portela, o día do xuízo. DP
photo_camera Pilar Portela, o día do xuízo. DP

A concelleira de Cultura, tamén responsable de Persoal, Carmen Fouces, anunciou este xoves a decisión do Concello de Pontevedra de recorrer a sentenza que declara o cese da exxerente do Pazo da Cultura de despido improcedente. Esta decisión xudicial implica que terá que indemnizarse a Pilar Portela, que ostentaba o cargo ata novembro do ano pasado, cunha cantidade de 127.840 euros ou ser readmitida no seu posto de traballo. "A min non me interesa recibir esa cantidade de cartos, porque ademais considero que é un dispendio innecesario de cartos públicos", explicaba a este medio Portela na tarde deste xoves.

Pola súa banda, o Concello basea a súa decisión de recorrer ao ver "incoherencias" na sentenza. Deste xeito, Portela foi cesada en calidade de persoal de alta dirección, o que o situaba nunha situación distinta ao resto dos traballadores do Pazo, que si foron subrogados tras a disolución do organismo autónomo, momento no que se notificou o cese á súa xerente. "A indemnización que recibiu déuselle acorde aos cálculos relativos a un cargo de alta dirección", explicaba Fouces, unha condición que impedía a súa subrogación. Así, Fouces detecta "incoherencias" ao ser tratada como alto cargo no que se refire á indemnización e como persoal ordinario no que ten que ver coa calificación do seu cese como despido improcedente.

Portela recordou que esa non é a interpretación que fai o xuíz e que, independentemente de que se recorra, deben aboarse os cartos da súa indemnización. "Teñen a posibilidade da readmisión e quero que quede claro que eu non denunciei para ter esa indemnización, senón para ser readmitida", conta.

A concelleira de Cultura quixo destacar este xoves que "non houbo ningunha represalia, persecución ou vulneración de ningún dereito", segundo a sentenza.

SINDICATOS. Ademais, na xornada deste xoves, todas as organizacións sindicais con representación no Concello (CIG, CSIF, CC OO, Afumpo e SPPME) remitiron un escrito á concelleira de Persoal esixindo a readmisión de Pilar Portela e que non se interpoña un recurso á sentenza do xulgado do social número 3 de Pontevedra.

O conflito arredor do posto de Portela orixinouse coa decisión do Concello de diluír o organismo autónomo do Pazo da Cultura, de xeito que, dende xaneiro se incorporou ao Servizo de Infraestruturas Culturais, dependendo directamente do Concello. Segundo Fouces, o despido foi consecuencia desta decisión. Para Portela, as formas non foron as adecuadas.

Comentarios