O Concello restaura a pasarela e as escaleiras do parque de Valdecorvos

A obra, valorada en 14.200 euros, completarase coa rehabilitación da senda leste do parque, que terá novo mobiliario. A actuación superará os 30.000 euros.
A pasarela do parque de Valdecorvos. CEDIDA
photo_camera A pasarela do parque de Valdecorvos. CEDIDA

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe o socialista Iván Puentes, continúa a avanzar nos traballos de rehabilitación integral do parque de Valdecorvos. Durante os últimos días, o Servizo Municipal de Parques e Xardíns levou a cabo o arranxo e reposición de elementos de madeira, coa restauración da pasarela que atravesa o regato e das escaleiras que comunican o parque coa rúa Prado Novo e a avenida de Lugo. "Nos vindeiros días –avanza Iván Puentes– actuarase na pasarela elevada que conecta o parque de Valdecorvos coa zona de O Costado".

As escaleiras do parque de Valdecorvos. CEDIDA
As escaleiras do parque de Valdecorvos. CEDIDA

En conxunto, estas obras de rehabilitación en pontes, pasarelas e escaleiras de madeira supoñen un investimento de 14.200 euros. Tal e como sinala o concelleiro Iván Puentes, "ao remate destes traballos, que se prevé que estean finalizados nas dúas vindeiras semanas, iniciarase a reconstrución do treito leste da senda de Valdecorvos, pendente de reparación, así como a dotación de novo mobiliario acorde ás características do parque, para completar na súa totalidade este proxecto de recuperación". "O investimento total deste paquete de actuacións superará os 30.000 euros", subliña o edil do PSOE.