O Concello subvenciona o bus a Monte Porreiro a partir da viaxe número 6 

Ata agora a axuda comezaba a partir da viaxe 12

Sinatura do convenio entre Lores e a empresa Autocares Rías Baixas. J. CERVERA
photo_camera Sinatura do convenio entre Lores e a empresa Autocares Rías Baixas. J. CERVERA

O Concello de Pontevedra renovou este mércores o contrato de subvención da liña de transporte público a Monte Porreiro coa empresa Autocares Rías Baixas, adxudicataria desta liña concesión da Xunta.

Nesta ocasión será por un só ano e inclúe unha mellora ao respecto de anualidades anteriores: a subvención a partir da viaxe número 6 (até o de agora era a partir da viaxe número 12) nun 60% do billete.

Segundo informa o Concello, o billete ten un custe de 1,45 céntimos e a partir da viaxe número 6 custará 0,78 céntimos para todas as persoas que teñan a bono-tarxeta da empresa. Na viaxe número 80 o custe do billete será de 0,06 céntimos.

O convenio foi asinado polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o propietario de autocares Rías Baixas, Aurelio Cuiña, que destacaron que esta mellora no contrato pretende ofrecer mellores condicións á xente nova.

O orzamento da subvención é de 70.000 euros, aínda que o Concello paga anualmente entre 60.000 e 65.000 euros.