Concello e Teucro promoven unha dieta saudable e o exercicio en Primaria

O proxecto 'Saúde, alimentación e actividade física' inclúe charlas e a entrega de kits de merenda saudable, ademais de folletos e guías

Unos niños jugando al balonmano. ARCHIVO
photo_camera Unos niños jugando al balonmano. ARCHIVO

Implicar os nenos na defensa da saúde, tanto da propia como da colectiva, é o obxectivo que move o proxecto educativo Saúde, alimentación e actividade física, impulsado pola SD Teucro en colaboración coas concellerías de Deportes e Educación. Búscase así concienciar os máis pequenos sobre a importancia de facer exercicio físico regular e levar unha dieta saudable.

A iniciativa, financiada cunha achega municipal de 10.000 euros, está destinada ao alumnado de terceiro e cuarto de Primaria da cidade e incluirá charlas-obradoiros en colexios cun monitor e xogadores e corpo técnico do club, ademais da entrega de kits de merenda saudable para os rapaces, folletos informativos para as familias e guías para o profesorado.

"Unha alimentación pouco saudable e un estilo de vida sedentario son as principais causas das enfermidades crónicas máis importantes, e ambas as dúas cousas son modificables", salienta o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Actividade Física e Saúde, Tino Fernández. A partir de aí, recorda que "a infancia é un período crucial para actuar sobre a conduta alimentaria e o sedentarismo, xa que os costumes adquiridos nesta etapa van determinar o estado de saúde do futuro adulto".

Os colexios teñen ata o 30 de outubro para inscribirse no programa, algo que poden facer rexistrándose no enderezo de correo electrónico [email protected].