"Francamente decepcionantes e bastante desesperanzadores" porque "non ofrecen ningunha perspectiva ou vontade de futuro". Así definiu este sábado o edil de Infraestruturas, César Mosquera, o trato recibido pola cidade de Pontevedra nos orzamentos propostos pola Xunta de Galicia para o ano 2024.
Segundo lamentou o nacionalista, "só presentan unhas cantidades para pagar proxectos que van atrasados", pero "non hai absolutamente nada máis"; só partidas para "pagar as obras que están en marcha ou que están a piques de iniciarse, e todas elas en dependencias da Xunta, coma o instituto Valle-Inclán, Montecelo ou o que sexa".
Pero "o máis relevante", dixo, "é que os orzamentos poden ser unha mostra de vontade, aínda que sexa aproximada, pero nestes non hai absolutamente ningunha vontade de acometer certas cuestións de futuro". A este respecto, o concelleiro puxo como exemplo que nin sequera foron contempladas actuacións como a creación da variante de Alba, a rehabilitación do convento de Santa Clara ou o dragado da ría.
No caso da primeira, o edil lembrou que a variante de Alba chegou a figurar nos Orzamentos do ano pasado, deixando aberta a posibilidade de acometela "aínda que sabiamos que non había moita vontade". Pero agora desapareceu das contas da Xunta para 2024, a pesar de que "nestes intres é ou será máis necesaria que nunca, pois van comezar as obras de remodelación do nó de Bombeiros, o que sobrecargará o viario da parte Norte da cidade e haberá que desviar fluxos. A realidade é que, a día de hoxe, non existe ningún cruce que conecte a estrada de Vilagarcía (PO-531) e a estrada de Santiago (N-550) desde a rúa Domingo Fontán ata Barro. Existe San Caetano, que é un bo sitio para que se estampen os camións e que ten un trazado moi deficiente para unha circulación segura e cómoda", lamentou.
Con respecto á rehabilitación do convento de Santa Clara, que tampouco figura nos orzamentos previstos pola Xunta para o vindeiro ano, o concelleiro pontevedrés lembrou que el mesmo xa avanzara que "as declaracións estrañas sobre vandalización ou sobre cambios de proxectos" aos que se referiu o novo Goberno da Deputación, en concreto Rafa Domínguez, eran "unha simple escusa para atrasar e paralizar o proxecto". "E agora os feitos demóstrano", afirmou: por un lado, o día 15 rematou o prazo para que a Deputación solicitase as axudas do 2% Cultural, "pero non as pediu". E, por outra banda, Santa Clara non aparece nos orzamentos autonómicos". "Branco e en botella. Hai unha decisión de paralizar o proxecto porque lles parecerá moi caro ou demasiado investimento para Pontevedra por parte da Xunta ou da Deputación e así queda reflectido", indicou. "Que problema habería en amosar nos orzamentos aínda que fose a vontade de facelo, de incluír Santa Clara? 100.000 ou 200.000 euros para comezar. Pero nin se puxo".
En todo caso, o Concello de Pontevedra prevé tratar todos estes asuntos na reunión que manterán o luns o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda. "Nós temos actitude de tentar presionar para sacar adiante os proxectos que estimamos que son positivos para Pontevedra. Imos (a esa reunión) con ánimo construtivo e positivo", afirmou César Mosquera.