O Concello visibiliza a importancia da saúde mental a través de Anxo Lugilde

O xornalista e escritor leva trinta anos en loita contra a depresión, doenza sobre a que trata o seu último libro A vella compañeira ► Participa este luns, ás 20:00 h. nun encontro no Teatro Principal coa psiquiatra Iria Veiga
Anxo Lugilde. ADP
photo_camera Anxo Lugilde. ADP

A concelleira de Cultura, Carme Fouces, acompañou na mañá deste luns a Anxo Lugilde na sala de prensa do Concello de Pontevedra, mesmo lugar onde ás 20 horas deste 11 de outubro, realizará unha presentación do seu libro A vella compañeira, xunto coa psiquiatra Iria Veiga. Trátase dunha aposta por parte do Concello que trata de visibilizar e facer fincapé na importancia da saúde mental e as súas doenzas.

"Este é un libro que fala da loita que Anxo leva contra a depresión. Este 10 de outubro foi o Día Mundial da Saúde Mental, das moitas cousas que fun vendo, unha das cousas máis claras é afirmar que sen saúde mental non hai saúde. Non é posíbel pensar que un está san ou en boa situación, se a túa saúde mental non é a mellor. É a base de todo", sinalou a concelleira. "Sempre foi a irmá pequena da Sanidade. Estigmatizada e soterrada. Accións coma a de Anxo Lugilde, de valentía, de saír, de coller a bandeira e estar diante do exército de homes e mulleres que están a padecer doenzas como a depresión, non deixan de ser unha gran terapia, un salto de xigante para as enfermidades mentais".

Lugilde, fronte ao micro, recoñeceu o curioso da situación, pois, xornalista de profesión, esta sería a segunda conferencia de prensa que el ofrecía na súa vida. "A primeira de Europa", diría cun sorriso, logo de dar no pasado unha en México, sobre outro tema totalmente diferente ao que este luns o trouxo a Pontevedra.

"Veño falar do meu libro, unha edición trilingüe en galego, español e català, moi feitiño e do que estou moi orgulloso", iniciou a súa intervención o escritor. "É un libro de aventuras como me dicía un compañeiro, aínda que eu penso que é un libro de desventuras, onde eu conto a miña peripecia, desde que aos 18 anos son diagnosticado cunha depresión".

Lugilde considera que a depresión é unha doenza totalitaria, onde no seu último estado domina a persoa desde o cerebro e non hai outra cousa que sexa ela, cun pensamento auto destrutivo no que "que queres pedir que te leven a Auschwitz ou calquera outro sitio onde poidas morrer". O seu relato, íntimo e arrepiante por momentos, é un exemplo tamén de integridade e valentía, de dar voz a unha doenza descoñecida para a maioría, tabú, aínda cando é unha das enfermidades máis frecuentes do mundo.

"Estes días púxose moito o foco na saúde mental, pode que máis que nunca, pero eu creo que no que respecta á depresión, esta vella compañeira, está desatada, é unha bomba de reloxería por mor da pandemia. Houbo moita xente que caeu por ela. O da depresión é un escándalo porque non sabemos case nada dela a nivel popular. Como é unha cousa que semella que hai que ocultar, propia de tolos, etiqueta que eu mesmo sufrín, non se fala dela, métese no armario", explicou o xornalista.

O autor de A vella compañeira, relatou tamén algúns dos síntomas que trae a depresión, como unha coxeira que el sufriu, ou os diversos bloqueos mentais que foi padecendo. "Moita xente descoñece estes síntomas, e eu agradezo a sinceridade da xente que di non sabelos, pero é triste ver ese descoñecemento, producido pola ocultación da doenza. O estigma chega a matar, e se o depresivo quere autodestruírse, e a sociedade decide mirar para outro lado… pois é algo terrible".

Lugilde cre que hai esperanza, que hai cambios en toda esta percepción, "con actos coma este, por exemplo", e ve que a actitude cos depresivos foi mudando cos anos, aínda que queda moito por facer.